Sin categoría

Os J80, listos para o desenlace

A frota de J80 galega dispútase este sábado en Baiona a final da Liga de Inverno Baitra J80, unha competición que, despois de vivir cinco etapas previas, resolverase cunha sexta e última xornada de probas. A partir das tres da tarde, a vintena de monotipos que se disputan a liguiña desde o pasado mes de xaneiro, enfrontaranse ás últimas tres probas do campionato, tres mangas de dobre cinguida e dobre popa que poñerán o punto e final á clasificación.

Salvo sorpresas de última hora que impliquen un trompazo para a tripulación que lidera o vigués Javier de la Gándara, o Okofen farase coa vitoria da competición. Cuns parciais de 1-2-1-3-1-1-4-1-1-1 nas xornadas previas, o veleiro fíxose con todas as papeletas para o triunfo final. Con 12 puntos, os 8 e 15 puntos de vantaxe que lles saca ao segundo e terceiro clasificado permitiranlle chegar sen demasiados nervios ás regatas do sábado.

A incerteza do podio aparece no resto de posicións, que ocupan provisionalmente o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, en segundo posto con 20 puntos; e o Marías de Manel Cunha, terceiro con 27. Aínda que o Alboroto foi máis regular que o Marías en toda a tempada, entrando entre os tres primeiros en todas as probas salvo nunha; o certo é que a vantaxe que lle saca ao veleiro portugués non é demasiado ampla e terá que esforzarse para asegurar a prata.

A emoción da final estará, sen dúbida, en ver como se pecha ese podio nunha xornada na que está previsto, ademais, que entre en xogo un novo descarte. A posibilidade de eliminar, por segunda vez, o seu peor resultado da táboa, fará que as tripulacións bailen na clasificación.

Unha vez finalizada a competición na auga, o Monte Real Club de Yates celebrará a entrega de premios aos gañadores. Será ás oito e media da tarde nas instalacións do club e no evento estarán presentes o director xeral de Baitra Accesorios Navales, Juan Carlos González, patrocinador da liga; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; a deputada de Promoción Económica da Deputación de Pontevedra, Raquel Giráldez e o vicepresidente do Monte Real Club de Yates, Alejandro Retolaza.