José Miñones reafirma en Baiona a aposta do Goberno pola transformación sostible do turismo galego

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reafirmou hoxe a aposta do Goberno pola cohesión territorial e o impulso ao turismo sostible de Galicia e puxo como exemplo a achega de 2 millóns de euros do Ministerio de Industria para o desenvolvemento do Plan de Sostibilidade Turística do Concello de Baiona. O de Baiona é un dos trece Plans que subvenciona o Goberno de España en Galicia ao abeiro do primeiro Programa Extraordinario dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino e con cargo aos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno.

José Miñones achegouse esta mañá á contorna da capela de Santa Liberata, no Concello de Baiona, para coñecer de primeira man a actuación de renaturalización do zona, unha das accións proxectadas no Plan e subvencionada polo Goberno. Alí estivo acompañado polo alcalde do municipio, Carlos Gómez, e pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.

Durante a súa visita, José Miñones destacou que o Goberno busca con estes investimentos poñer en valor os recursos patrimoniais de Baiona e promover un turismo máis verde e unha mobilidade máis eficiente. Neste sentido, o delegado destacou a importancia desta “achega histórica, que permitirá ao Concello liderar accións que contribúan a mellorar a competitividade e calidade do sector e a apuntalar a súa posición como referente do turismo galego”.

O Plan de sostibilidade turística de Baiona

O delegado do Goberno explicou que o Plan presentado polo Concello de Baiona busca desestacionalizar o turismo e facer desta localidade un destino máis verde, máis competitivo e máis sostible mediante a mellora do seu carril bici, a posta en marcha dun sistema de alugueiro de bicicletas, a creación dun aparcadoiro disuasorio e a renaturalización da contorna de Santa Liberata. As actuacións enmárcanse dentro da primeira convocatoria extraordinaria dos Plans de Sostibilidade Turística e deberán executarse entre 2022 e 2024.

José Miñones informou de que esta non é a única actuación do Plan de Recuperación do Goberno que se está a levar a cabo no municipio, xa que o Programa Único do Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital permitirá a 267 vivendas e empresas da localidade contar con conexión a Internet de banda ancha. “Ambas inversións -subliñou o delegado- evidencian o compromiso deste Goberno co municipalismo e coa cohesión social e territorial”.

720 M€ na segunda convocatoria extraordinaria de Plans de Sostibilidade

O delegado do Goberno quixo, así mesmo, animar a todos os concellos galegos a que participen na segunda convocatoria extraordinaria dos Plans de Sustentabilidade Turística. Esa segunda convocatoria, que foi anunciada onte pola ministra de Industria, Turismo e Comercio, Reyes Maroto, permanecerá aberta do 1 de abril ao 17 de maio e contará cun orzamento de 720 millóns de euros.

A primeira convocatoria extraordinaria permitiu financiar 13 proxectos en Galicia por un importe de 29,3 millóns de euros.