
A Garda Civil detivo por un presunto delito de tráfico de drogas a unha veciña de Nigrán que supostamente se dedicaba á venda e distribución de cocaína a consumidores habituais da zona. Ademais de incautarse algo máis de 26 gramos de cocaína, interviñéronselle tamén cinco teléfonos móbiles e o vehículo que utilizaba nos desprazamentos, para levar a cocaína aos compradores cos que contactaba telefonicamente.
As investigacións realizadas por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, iniciáronse o pasado mes de decembro por mor de varias alertas telefónicas informando de que unha veciña do municipio de Nigrán dedicábase á venda e distribución de estupefacientes a pequena escala. As pescudas que levaron a cabo conduciron á localización desta persoa, que ten o seu domicilio nunha parroquia do municipio de Nigrán, e non tardaron en confirmarse as sospeitas ao comprobar que levaba un nivel de vida moi por encima das súas aparentes posibilidades económicas.
Froito da actividade operativa que require este tipo de investigacións, púidose constatar que durante o tempo que durou a operación policial, realizou preto dunha decena de transaccións de droga, que levou a cabo con coñecidos consumidores habituais de estupefacientes, non só en Nigrán, senón tamén en Baiona e Vigo. Telefonicamente recibía as demandas e era ela mesma a que se desprazaba ás distintas localidades onde residían os “clientes” para levarlles a cocaína.
A operación concluíu a semana pasada coa detención desta persoa cando regresaba ao seu domicilio. Trátase dunha veciña de Nigrán, de 38 anos. No momento do arresto fixo entrega voluntaria dunha bolsa con 20 gramos de cocaína que levaba escondida entre a súa roupa interior. Por mor da detención procedeuse ao rexistro do seu domicilio, onde se incautou outra pequena cantidade de cocaína. Interviñéronse tamén 550 euros en efectivo, unha báscula de precisión, ademais de 5 teléfonos móbiles e o vehículo que utilizaba para exercer esta actividade ilegal.
Tanto a detida, como a droga e os efectos incautados, entregáronse no Xulgado de Instrución nº 8 de Vigo, que decretou a súa liberdade con cargos.