Sin categoría

Baiona márcase como obxectivo para 2022 potenciar e fixar os seus roteiros de sendeirismo

Tras o éxito o pasado outono da proposta de “Baiona Natural”, o Concello de Baiona, a través da Concellería de Turismo, márcase como obxectivo para 2022 fixar e potenciar os catro roteiros de sendeirismo que transcorren por todas as parroquias do municipio (Baíña, Baredo, Santa Cristina da Ramallosa e Belesar).

“Trátase dun recurso natural polo que o goberno local quere apostar para atraer visitantes en tempada baixa, ademais de para reforzar a oferta lúdica durante todo o ano. Tamén co obxectivo de poñer en valor o inmenso patrimonio natural das nosas parroquias”, sinala o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, á fronte tamén da Concellería de Turismo.

A iniciativa, bautizada como “Baiona Natural” permitiu habilitar novos roteiros de sendeirismo entre as catro parroquias do municipio. Están adaptados para público maior de 16 anos. A primeira das sendas denomínase “Chan da Lagoa-Baíña”, que terá como eixo principal descubrir a historia pasada da Vila e visibilizar os vestixios que aínda podemos atopar. Ademais, quérense potenciar os roteiros de “Descubre Baredo”, “A Groba Panorámica” e “A Groba Montañosa”.

Catro roteiros polos montes da localidade para poñer en valor a súa riqueza paisaxística e etnográfica. Un itinerario de camiños que permitirá que os baioneses e visitantes poidan gozar dunha incrible variedade de lugares para practicar sendeirismo, pasear, etc, á vez que se enriquecen do amplo patrimonio da Vila.

Os roteiros deseñados por Baiventura, empresa local que levará a cabo os percorridos, realizaranse no mes de abril, maio, xuño e setembro. É necesaria a inscrición previa na oficina de turismo (no correo electrónico: oficinadeturismo@baiona.gal, ou por teléfono no 986 68 70 67). O prazo para participar no primeiro roteiro “Chan da Lagoa-Baíña”, que será o vindeiro domingo 3 de abril, abrirase o martes 29 de marzo.

En canto ao resto de percorridos serán o domingo 15 de maio “Descobre Baredo”, o 19 de xuño “A Groba Panorámica” e o 11 de setembro “A Groba Montañosa”. Abrirase o período de inscrición 15 días antes de que se celebren. Por tanto, para a saída do 15 de maio as inscricións ábrense o día 2 de maio, para a do 19 de xuño ábrese o día 6 e para a do domingo 11 de setembro ábrese o 29 de agosto.

Esta campaña enmárcase dentro da estratexia da Concellería de Turismo de Baiona para reactivar o sector turístico na época post-COVID a través do ecoturismo. Deste xeito, compleméntase a oferta turística e cultural da localidade. Baioneses e visitantes poderán gozar dunha nova alternativa na que gozar do seu tempo libre.

Baiona Natural-4 roteiros para promocionar Baiona

Roteiro 1: “Chan da Lagoa-Baíña”

O primeiro destes roteiros ten por nome “Chan da Lagoa-Baíña”. Trátase dun percorrido circular de 10,5 km deseñado para dar a coñecer o patrimonio natural de Baiona gozando da súa contorna. Este roteiro terá como eixo principal descubrir a historia pasada da Vila e visibilizar os vestixios que aínda podemos atopar. Terá unha duración aproximada de 3,5 horas, a súa dificultade é moderada e está recomendado para maiores de dezaseis anos. Entre os puntos de interese polos que transcorre atópanse: Estación Arqueolóxica Outeiro dos Lameiros (petróglifos), o Camiño Medieval, panorámica Val Miñor, panorámica Baía de Baiona, fervenza río San Cosme, merendeiro Chan da Lagoa. O punto de encontro será no merendeiro de Chan da Lagoa ás 09:30 horas para iniciar o roteiro ás 10:00 e finalizala ás 14:00 horas.

Roteiro 2: “Descobre Baredo”

Roteiro circular de 9,5 km deseñado para dar a coñecer o patrimonio natural de Baiona gozando dun lugar privilexiado. Este roteiro terá como eixo principal dar a coñecer a vida dos baioneses e a repercusión que trouxo a Baiona o paso do Camiño de Santiago. Entre os puntos de interese polos que transcorre atópanse: os muíños do río Fraga, O Facho, a Fonte dos Mortos, e a parroquia de Baredo.

Roteiro 3: “A Groba Panorámica”

Deseñada para dar a coñecer o patrimonio natural de Baiona gozando da contorna panorámica da vila. O roteiro de 7 Km mostra a contorna marítima desde os mellores miradoiros do Alto da Groba. Entre os puntos de interese polos que transcorre atópanse: Miradoiro do Cortelliño, Miradoiro Alto da Groba, A Gabiñeira, Granxa da Tomada, Fonte da Groba. Terá unha duración aproximada de 3 horas, a súa dificultade é moderada e está recomendada para maiores de dezaseis anos.

Roteiro 4: “A Groba Montañosa”

Deseñada para dar a coñecer o patrimonio natural de Baiona gozando da súa contorna. Este roteiro mostraranos as diferentes formacións e desniveis creados pola natureza e que dan forma á Serra da Groba. Terá unha duración aproximada de 3,5 horas, a súa dificultade é moderada e está recomendada para maiores de dezaseis anos. Entre os puntos de interese polos que transcorre atópanse: A Regueira Escura, Camiño Medieval, Calveiras, Floral da Groba, Pedra do Acordo, As Abrutias, Miradoiro Alto da Groba e Gabiñeira.

APERTURA PRAZO INSCRICIÓNS:

  • Chan da Lagoa-Baíña: 03/04/22 (apertura prazo de inscrición: 29 de marzo).
  • Baredo: 15/05/22 (apertura prazo de inscrición: 2 de maio).
  • A Groba Panorámica: 19/06/22 (apertura prazo de inscrición: 6 de xuño).
  • A Groba Montañosa: 11/09/22 (apertura prazo de inscrición: 29 de agosto).