O DJ baionés Yaggo presenta o seu novo tour nos Estados Unidos

O DJ baionés Yaggo volve aos Estados Unidos para presentar, desta vez, un novo tour comprendido entre Miami e Nova Iorque, debutando hoxe na Miami Music Week, o evento de música electrónica máis importante do continente americano e prolongándoo ata o día 4 de abril na cidade que nunca durme.

Con datas en importantes emisoras de ambas as dúas cidades, actuará tamén en Jolt e El Agua Boat Party, o evento máis destacado sobre as augas de Florida.

A progresión de Yaggo, que quebrou hai dous anos por mor da pandemia, segue a súa marcha ao grande tras combinar, estes últimos meses, a residencia en Baluarte (Monçao) e La Selva Club (O Rosal), onde é un habitual na nova sala de moda do Baixo Miño.

Yaggo, que recoñece que non foron tempos doados para ninguén, pero tampouco para os artistas, está convencido de que este verán será o ano 0, o punto de inflexión para todo o sector do espectáculo, e comenta tamén que a pesares de estar traballando noutros proxectos que pronto verán a luz, poderémolo atopar como residente mensual en Cubik Room e en Sogra, no norte de Portugal.