
O Círculo Podemos Baiona vén de rexistrar no Concello un requirimento no que pide o apoio da corporación ao pobo saharauí ante o cambio de posicionamento por parte de Pedro Sánchez.
A carta remitida a Marrocos polo Presidente do Goberno, filtrada á prensa o venres 18 de marzo e posteriormente confirmada en rolda de prensa polo Ministro de Asuntos Exteriores, reforza a postura que busca Marrocos para ese territorio e van en contra dos intereses e o dereito a autodeterminación de dito pobo.
Segundo indica o voceiro do Círculo Podemos Baiona, José Ramón Estévez, “o contido desa carta non representa o consenso do Goberno de España nin do pobo español ao redor da neutralidade neste conflito e traizoan ao propio pobo saharauí, á sociedade española e ao Goberno de coalición, contravindo o dereito internacional e abonando o ambiente de inestabilidade que afecta a devandita zona”.
“O que tentamos con esta acción que se está levando a cabo no conxunto do Estado por parte das distintas agrupacións municipais e círculos de Podemos é deixar clara a posición da nosa formación ante o xiro unilateral do Presidente do Goberno e ante a delicada situación que vive o pobo saharauí”, explica o voceiro de Podemos Baiona. “É totalmente incongruente que o que se critique co que está a pasar co pobo de Ucraína se defenda ante o pobo irmán saharauí”, conclúe Estévez.