Nigrán participa como único representante de España xunto a Barcelona na “Smart City Expo Curitiba”

O alcalde de Nigrán e Presidente do Fondo Galego de Cooperación Internacional participa esta semana na “Smart City Expo Curitiba”, sendo esta edición brasileira a máis importante do mundo sobre eventos relacionados con “cidades intelixentes” e nesta ocasión baixo o lema “Novas Cidades para novos humanos”. A organización calcula recibir entre o 24 e 25 de marzo a preto de 15.000 persoas nesta cidade famosa por ser a máis sustentable do planeta.

Neste marco, Juan González expoñerá en senllos relatorios con responsables públicos e técnicos de todo o mundo as diferentes iniciativas do municipio relacionadas con mobilidade sostible e as que se están a planificar a curto prazo desde a localidade. Así, Nigrán será xunto con Barcelona a única poboación de España que estará presente neste foro como exemplo de sustentabilidade e boas prácticas. Ademais, participarán representantes de diferentes urbes de Italia, México ou Brasil, entre outras.

“O evento está considerado como o lugar desde onde poder divisar como serán as urbes do futuro en termos de sustentabilidade ambiental, por iso é unha auténtica honra que Nigrán estea invitada”, sinala o rexedor, quen subliña o feito de ser a única localidade de España nos relatorios xunto a Barcelona.

Entre os aspectos que González desenvolverá nestas xornadas atópase a aplicación parking gapp que permite ás persoas discapacitadas coñecer en tempo real se hai prazas de aparcamento libres, as electroliñeiras que fomentan para a adquisición de vehículos eléctricos (Nigrán é o municipio de España con máis cargadores de uso público), a instalación de paneis “metrominutos” como incentivo para que a xente bote a andar en lugar de coller o coche, os leira-parkings disuasorios, as sendas peonís realizadas e as proxectadas… E, entre os plans a corto prazo do Concello: a próxima adquisición dun microautobús eléctrico para conectar as parroquias co núcleo urbano ou un plan para incentivar de maneira real o uso da bicicleta.

Igualmente, o alcalde esbozará o Plan de Mobilidade Sostible do Concello no que se basean todas as iniciativas e que defende o goberno local, neste documento establécese sempre como prioridade ao peón, seguido do ciclista, o transporte público e, finalmente, o vehículo privado.