Gondomar estrea o remodelado parque de maquinaria da Deputación

O parque de maquinaria que a Deputación de Pontevedra ten en Gondomar foi obxecto de varias actuacións de mellora coas que a institución deu un novo aspecto a este centro desde o que se coordinan os proxectos que se realizan no sur da provincia. As obras, cun investimento de 105.320 euros, consistiron na construción dun novo almacén, melloras na nave principal ou na reposición dos peches. Así o puideron comprobar a deputada e os deputados provinciais Iria Lamas, Carlos Font e Santos Héctor, quen xunto ao alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, achegáronse este xoves ao parque para coñecer de preto estas novas actuacións.

As instalacións situadas neste concello do Val Miñor centralizan as actuacións da Deputación nesta zona no que ten que ver con reparacións, mantemento, depósito de materiais e outros traballos dirixidos á posta a punto da flota da institución provincial. Máis polo miúdo, entre todas as melloras que se realizaron a máis significativa foi a construción dun novo almacén para a maquinaria. As obras chegaron tamén á nave principal, que agora conta cunha nova capa de pintura, malla antifollas nas canalizacións de cuberta e unha instalación interior eléctrica moderna. Do mesmo xeito, actuouse na marquesiña destinada ao aparcamento de vehículos lixeiros, onde se realizaron actuacións de saneado e reforzo e tamén se instalaron luminarias con detector de presenza.

Ademais, as obras se centraron na colocación de novos peches, a execución de novos muros de contención e acondicionamento interior da parcela, coa colocación de luminarias LED nas zonas exteriores do parque, así como obras de urbanización exterior coa pavimentación dos espazos libres da parcela.