A Fundación Provincial Banco de Alimentos recadou uns 30.000 quilos de comida no Zampakilos Solidario, campaña impulsada polo grupo Vegalsa-Eroski e que supuxo a primeira Operación Quilo deste 2022. A recollida de alimentos desenvolveuse a fin de semana do 11 e 12 de marzo e nela participaron preto de 400 voluntarios presentes nunha trintena de supermercados de Vigo, Pontevedra, Redondela, Porriño, Mos, Baiona, Marín, Lalín, Cambados e A Guarda.
Por primeira vez, esta campaña de Vegalsa-Eroski levouse a cabo dunha maneira mixta, é dicir, os doantes puideron elixir entre entregar alimentos físicos aos voluntarios ou facer achegas económicas ao pasar por caixa. En total, recolléronse 23.371 quilos físicos e recadáronse uns 6.600 euros que, como noutras ocasións, tamén se converterán en comida en próximas datas. Como xa ocorreu durante a Gran Recollida celebrada o pasado mes de novembro, o diñeiro recadado por parte dos doantes converteuse nun saldo a favor do Banco de Alimentos para a compra posterior dos produtos máis necesarios.
Agradecemento máximo
Desde a ONG agradecen enormemente a resposta dos doantes nesta campaña solidaria, sobre todo, tendo en conta o contexto económico de carestía dos prezos que se está reflectindo nunha perda continuada do poder adquisitivo. Por iso, poñen en valor aínda máis o esforzo de cada achega.
Precisamente, a crise actual xa se está traducindo nunha maior demanda de alimentos por parte das ONG e entidades homologadas coas que traballan e prevén un incremento de persoas en situación de vulnerabilidade a curto-medio prazo.
Así mesmo, dan as grazas ao seu equipo de voluntarios que regalaron catro horas do seu tempo en todos e cada un dos supermercados adheridos ao Zampakilos Solidario e cuxa presenza, sen dúbida, foi un revulsivo para que as doazóns fosen un éxito.
Cifras, 2021
A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu máis de 2 millóns de quilos de alimentos durante 2021. Con carácter apolítico e aconfesional, na actualidade axudan a unhas 22.000 persoas desfavorecidas da provincia de Pontevedra, ás que chegan a través de máis de 150 ONG e entidades homologadas coas que traballan.

