Meira estrea o 2022 cun podio no Rallye da Coruña

O equipo AMF Motorsport iniciaba a súa tempada coa proba teloneira do Campionato Galego de Rallyes, na Coruña, onde o obxectivo do equipo era o de conseguir unha praza no podio e manterse preto dos dous pilotos locais.

Aínda que desde o primeiro momento Alberto Meira e Avelino Martínez atopáronse moi cómodos, o ritmo de cabeza foi endiañado durante toda a xornada do sábado, sendo o tramo de Coirós onde máis diferenzas marcábanse, que deixaban aos do Fabia R5 completamente asentados unha vez alcanzado o ecuador da proba.

Pola tarde, xa cunha distancia considerable para poder atacar, o equipo tomouse con máis tranquilidade os tramos vespertinos para levar o coche a meta dunha peza e conseguir a terceira posición absoluta na cita herculina e a segunda posición da Copa Top Ten Pirelli A e o Supercampionato Galego R5.

O piloto de Vincios resumía así a súa participación: “Sabiamos desde un inicio que os nosos rivais eran moi fortes aquí, xa que tamén corren en casa, así que tentamos apertar durante a mañá pero vimos que non era posible seguir o seu ritmo, así que nos tomamos a proba con filosofía, regulando durante a tarde aínda a pesar de que nos levamos algún susto no último tramo por saír con rodas frías, así que relaxamos moito o noso ritmo. Ante todo hai que ser regular e o campionato é moi longo, veremos que pasa dentro de 15 días”.

En menos de dúas semanas disputarase a segunda cita do Campionato Galego co regreso do Rali de Noia, onde o equipo AMF Motorsport espera desquitarse e estar máis preto da loita polo triunfo.