Sin categoría

O PP de Baiona acusa o alcalde de tentar ocultar gastos por máis de 1,2 millóns de euros

O grupo municipal popular de Baiona considera “algo inaudito na historia democrática do Concello, polo que pasaron distintas corporacións” o ocorrido no pleno ordinario deste xoves. “O alcalde presentou por urxencia, xa no propio pleno, dous paquetes de facturas a través de recoñecementos extraxudiciais de crédito por valor de 306.632,12 euros (un de 192.705,39 euros e outro de 113.926,73 euros), sen informar previamente delas á oposición nin, sorprendentemente, tampouco aos seus socios de goberno, BNG e Nós. Ambos os dous recoñecementos con informes desfavorables do departamento de Intervención. É por este motivo que, ante tal veto á fiscalización aos grupos da oposición, o PP votou en contra. A neglixencia foi tan grave que os outros dous partidos do goberno abstivéronse na votación e o alcalde tivo que botar man do seu voto de calidade para poder sacalas adiante”.

“Ademais da manobra do rexedor, froito do ocultismo que lle caracteriza e a falta de transparencia á que afai este tripartito, chama a atención a fractura máis que evidente do PSdeG, BNG e Nós que, lonxe de traballar en equipo polo benestar dos veciños, puxo de manifesto unha vez máis que non existe comunicación entre eles e, a xulgar polo ocorrido no pleno, tápanse os asuntos uns aos outros pola ausencia total de confianza entre eles”, lamentan os populares.

Gastar os aforros dos veciños supoñerá a ruína do Concello

Pero o asombro dos populares na sesión ordinaria de marzo aínda foi maior ao descubrir, tamén por sorpresa, que o tripartito se vai a gastar case un millón de euros, 906.887 euros concretamente, do remanente de tesourería en arranxar o paseo Pinzón cando neste momento está a realizarse a tramitación para o proxecto de demolición por valor de 54.000 euros e que, xunto á derriba e as indemnizacións aos propietarios do edificio da avenida de Julián Valverde de Sabarís, o gasto para o consistorio podería alcanzar os 6 millóns de euros. Para o PP baionés (que deixou 4,5 millóns de euros de remanente en 2019), aínda que poida ser lexítimo executar a obra en Pinzón, gastarse agora esa cantidade tan elevada de diñeiro de todos os veciños é unha “tolemia” cando o lóxico sería mantelo reservado porque, de non facelo, cando chegue o momento de pagar a demolición as arcas municipais estarán baleiras e ao alcalde non quedará outra que hipotecar aos veciños durante moitos anos. “A derriba e as indemnizacións supoñen a metade do orzamento anual do Concello”, lembran.

“Outros municipios con sentenzas similares á que obriga ao consistorio para pagar os gastos de reposición urbanística solicitaron axuda económica a outras administracións supramunicipais para evitar a ruína local, pero este tripartito prefire crebar o Concello a demandar colaboración externa. Dálles igual xogar co diñeiro de todo o pobo, non miran ao futuro”, censuran desde o PP local que augura consecuencias graves para a permanencia dalgúns servizos públicos baioneses a curto prazo.