O Goberno da Deputación vén de aprobar novas subvencións por máis de medio millón de euros para catro municipios da provincia ao abeiro do Plan Concellos. Trátase de achegas da liña 1 de Investimentos coas que os concellos de Baiona, A Cañiza, Moaña e Mos levarán a cabo proxectos de restauración, de captación de auga, de eficiencia enerxética e de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil.
Para Baiona o goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar 72.753 € para financiar o proxecto de restauración do palco de música no Parque da Palma. Con estes recursos a vila pode financiar integramente a execución da obra e tamén aboar os custos dos honorarios da redacción do proxecto, da dirección de obra e da coordinación de seguridade e saúde.

