“Maxibar”, o lobo mariño recollido en Baiona, volve ao medio natural

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) despediu esta semana á cría de lobo mariño cincento Maxibar, que regresou ao medio natural a bordo do buque arrastreiro Baqueiro tras completar a súa recuperación no centro dependente da Consellería do Mar. Esta acción forma parte da colaboración que vén mantendo desde o ano 2003 a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) para a recuperación deste tipo de animais que chegan ás costas galegas en mal estado de saúde ou feridos.

Este exemplar de lobo mariño foi recollido o pasado mes de decembro en Baiona pola unidade móbil da Cemma e trasladado á UCI que a organización ten en Nigrán para a súa rehabilitación, debido a que presentaba un alto grao de desnutrición, deshidratación e pneumonía. Tras constatar que a súa evolución era favorable, Maxibar foi trasladado ao Igafa o pasado 16 de febreiro para comezar a segunda fase de recuperación, como paso previo á súa liberación no medio natural. Con este xa son tres os exemplares de lobos mariños -Maxibar, Cadrado e Leis- que se recuperaron no que vai de ano nas instalacións da Cemma e do Instituto Galego de Formación en Acuicultura.