O Vigo-Rías Baixas defende coroa no arranque dunha fin de semana de tres días

Cun triplete de clásicas o Vigo-Rías Baixas despide o inverno e dá a benvida á primavera. A estrutura presidida por José Luis Chamorro disputa esta fin de semana o tradicional díptico zamorano composto polo 41º Trofeo Concello de Zamora, proba que o conxunto flúor adxudicouse o ano pasado, e o 75º Trofeo Caja Rural “Gran Premio San José”. A súa axenda para os próximos días complétase o luns na provincia de Albacete co LXVIII Gran Premio de Primavera Ontur, cuarta xornada da Copa de España.

Este encadeamento de carreiras dun día arranca cun recordo inmellorable. En 2021 o habitual sprint do Trofeo Concello de Zamora resolveuse con Miguel Ángel Fernández levantando os brazos. Aquel éxito logrado por medio do velocista cántabro, agora no campo profesional, tentará repetilo o Vigo-Rías Baixas este sábado pola tarde cunha aliñación liderada por Noel Martín.

O corredor elite abulense, vixente campión do mundo de tándem, estreou o seu calendario de estrada hai dúas semanas subindo ao podio no Trofeo Olías del Rey. Nesta ocasión estará escoltado por Cristino Lanchas, Yurgen Ramírez, Marcos Navarrete, Ángel Maneiro, Ramón Fernández e Andrés Taboada. Os 82 quilómetros de percorrido, con inicio e final na capital zamorana, inclúen tres portos de 3ª categoría e o último deles coróase a 7 km para a liña de meta.

O director deportivo flúor Tomás Martínez presentará a mesma formación ao día seguinte nas vodas de brillantes do Trofeo Caja Rural “Gran Premio San José”. Esta histórica cita, que conta no seu palmarés con nomes como os de Julio Jiménez e Miguel Indurain, ofrece un trazado de 155 km que pouco ten que ver co do día anterior. Nun perfil moi crebado, os corredores ascenderán seis portos de 3ª e o gañador coñecerase na cima do alto de Muelas del Pan.

Copa de España

Tras dúas xornadas de competición na provincia de Zamora, o pelotón elite-sub23 iniciará a próxima semana en terras albaceteñas. O luns celebrarase o Gran Premio Primavera de Ontur. O cuarto evento da Copa de España 2022 é unha das poucas oportunidades para os sprinters no certame máis prestixioso do calendario estatal.

Dúas subidas de 3ª na zona intermedia do percorrido aparecen como as únicas dificultades montañosas do 172 km que conclúen en Ontur. Pablo Ara e Asier González, os xefes de filas do Vigo-Rías Baixas na Copa de España, terán como compañeiros a Martín Rey, Álvaro Carasa, Joao Leite, Marcos García e ao británico Max Williamson, que a pasada fin de semana sumou a primeira vitoria en 2022 da escuadra olívica. Ao volante do coche flúor estará Modesto Pérez.