Sin categoría

Nigrán pecha o Entroido coa celebración do tradicional enterro do “kiko”

O Concello de Nigrán pecha o seu Entroido este sábado 19 de marzo co tradicional enterro do kiko, evento realizado sempre coa colaboración co Centro Cultural Parada do Miñor. Así, este terá lugar a partir das 18:30 horas coa saída desde o Auditorio Municipal do “kiko” tirado por un carro de bois e acompañado por un cortexo fúnebre composto pola comparsa de Parada, a charanga “Cantos Somos”, “autoridades” e demais asistentes. A continuación, a partir das 19:30 horas, será velado no Torreiro de Parada, onde o pregoeiro Antonio oficiará un funeral no que non faltarán as coplas que con moita sorna elabora cada ano para a ocasión. Despois terá lugar a procesión polo barrio da Igrexa e a queima. A xornada rematará á noite co concerto de D’Líder (Prosy e María Rúa) previsto para as 21:30 horas.

Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico “Enterro da Sardiña”, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento de referencia no municipio ao incluír o Concello hai seis anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal e co kiko tirado por un carro de bois.