Sin categoría

Baiona entrégase á poesía esta fin de semana

O vindeiro sábado, 19 de marzo, e o domingo, día 20, o Multiusos Mercado de Sabarís acollerá o I Festival Poético do Concello de Baiona “Baiverso”. Os asistentes a este evento, no que a poesía e a música serán as principais protagonistas, poderán gozar da variada oferta cultural programada para a ocasión pola Concellería de Cultura do Concello de Baiona.

O sábado a cita será ás 18:00 horas coa escritora Mª Xosé Queizán, a poeta Cynthia Menéndez, e con Law + GazzFunkdation, soará a unha enérxica e elegante fusión jazz-funk chea de frescura e sabor urbano a cargo do colectivo galego. Ás 19:00 horas poderase gozar do concerto poético de “Cinta Adhesiva”.

O domingo ás 11:30 horas haberá un obradoiro de “Lettering” para o que é necesario facer reserva previa no 986385921 ou en xuventude@baiona.gal. Ás 12:30 horas en sesión vermú a nota musical corre a cargo da actuación de “Xardín Desordenado” e “Graciela Baquero”.

O I Festival Poético do Concello de Baiona “Baiverso” enmárcase dentro de “O Mes da Poesía”, un programa de actividades que se desenvolve ao longo do mes de marzo para conmemorar o día 21 de marzo, Día Internacional da Poesía, a data escollida pola UNESCO para conmemorar unha das formas máis prezadas da expresión e identidade e lingüística da humanidade.

A programación foi impulsada pola Biblioteca Municipal de Baiona e a Concellería de Cultura co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética.