Baiona ilumínase de amarelo polo Día Mundial da Endometriose

O Concello de Baiona ilumina a súa fachada de cor amarela con motivo da celebración do Día Mundial da Endometriose. Cada 14 de marzo celébrase esta xornada co obxectivo de dar a coñecer este padecemento que altera a calidade de vida de quen o sofre.

A endometriose é unha enfermidade que afecta ás mulleres e caracterízase por unha dor que adoita ser máis intensa durante o período menstrual. Provoca danos no aparello reprodutor feminino, onde adoita aparecer un crecemento benigno do tecido endometrial, que ocasiona a aparición de quistes e outras malformacións nos ovarios e que nalgúns casos pode deixar á muller infértil.