Sin categoría

Podemos Val Miñor presentará iniciativas nos concellos para baixar a factura da luz

Os Círculos de Podemos do Val Miñor van rexistrar un requirimento municipal nos seus concellos co fin de que se tomen medidas para abaratar a factura da luz desacoplando o prezo da enerxía do prezo do gas, recortando así os chamados “beneficios caídos do ceo”. Na iniciativa instan a institucións de diversos ámbitos a actuar de maneira inmediata e eficaz, atallando a disfuncionalidade do sistema.

Desde o ano pasado os prezos da luz están disparados e a situación xeopolítica actual só fará que estes aínda se incrementen máis. O disparatado custo do gas, agora en prezos máximos como consecuencia da guerra en Ucraína, distorsiona o prezo da enerxía e, a pesar de que a enerxía producida mediante renovables, hidráulica e nuclear sae moito máis barata, o custo a pagar pola súa produción é o mesmo que o que se paga polo gas, os famosos WindFalls Profits ou beneficios caídos do ceo, como consecuencia do sistema marxinal de prezos.

“En Podemos levamos tempo insistindo en que un sistema xusto de prezos pasaba por recortar os chamados beneficios caídos do ceo das eléctricas”. As voceiras dos tres municipios salientan que “só nesta situación extrema parece que as institucións se aveñen a contemplar o que a nosa formación leva anos denunciando”.

Celebran este cambio, “a pesar de chegar tarde e co sufrimento de moitas familias detrás”, porque, segundo a formación, “é fundamental que nunha crise coma a que estamos a vivir se tomen medidas valentes que demostren que os gobernos están do lado das familias e das pequenas empresas” e consideran que esta medida non pode ser “puntual”, senón que debe derivarse en transformacións estruturais que acaden un sistema eléctrico sostible e que garanta o acceso universal da enerxía. “Os inxentes beneficios das grandes empresas do sector eléctrico non poden levarse por diante ás familias e ás PEMES dos nosos concellos, debemos actuar de maneira inmediata pero coa vista posta no futuro”, conclúen.