O Grupo Socialista urxe á Xunta a rehabilitación do Templo Votivo do Mar de Panxón

A deputada socialista Leticia Gallego presentará este venres na Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia, unha pregunta oral ao goberno galego para urxir á rehabilitación do Templo Votivo do Mar de Panxón, no Concello de Nigrán, a obra “culmen” de Antonio Palacios en Galicia que segue á espera das ansiadas actuacións para poñer fin ás constantes filtracións de auga que sofre a igrexa.

Os socialistas consideran que desde Patrimonio da Xunta de Galicia deberían actuar urxentemente para reparar as entradas de auga provocadas polo agretamento do encintado das fachadas do conxunto, sobre todo pola cara que dá ó mar. Así mesmo, un dos anxos que coroan a torre indicando os puntos cardinais, caéuselle a cara. Ademais, desde hai anos varias vidreiras e o rosetón da entrada principal foron forradas interiormente con mallas de metal para evitar que os fragmentos de cemento que unen os elementos caian sobre as persoas que acoden ao edificio construído por Antonio Palacios, inaugurado en 1937.

A importancia desta obra é indiscutible, porque para moitos expertos é a obra culmen en Galicia de Antonio Palacios. O importantísimo arquitecto do Porriño, considerado o arquitecto español máis importante da primeira metade do século XX, de tendencia ecléptica, creador en España do que algúns autores chaman o “monumentalismo”, é autor de importantísimas obras, sobre todo en Madrid, como o Palacio de Comunicacións da Praza de Cibeles, o Hospital de Maudes, o Banco del Río de la Plata -posteriormente Banco Central- , o Banco de Vizcaya, e o Círculo de Belas Artes.

En Galicia o seu estilo transfórmase e foi caracterizado por algúns como “rexionalismo”. A súa obra é moi numerosa, aparte do Templo Votivo do Mar en Panxón, destaca o Templo da Veracruz no Carballiño, a Ponte do Cristo, a Escola Femández Areal, a Botica e o Concello de Porriño, o Balneario e Hotel de Mondariz, a Virxe da Rocha de Baiona, o Teatro García Barbón e o Mosteiro das Salesas en Vigo, e o pavillón modernista da Alameda de Santiago (hoxe utilizado como gardería), así como numerosas casas particulares, entre elas os coñecidos chalés de praia América en Nigrán. Destaca tamén Palacios como urbanista, con obras como a proposta de reforma da Puerta del Sol en Madrid en 1918, as obras de acceso á remodelación das catedrais de Ourense e Santiago, e o Plan de Ensanche e reforma interior de Vigo de 1932.

“Pois ben, a obra máis importante, probablemente, en Galicia deste ilustre arquitecto galego ten serios problemas de conservación. No ano 2009 o Grupo Parlamentario Socialista xa trouxera unha proposición non de lei que foi aprobada por unanimidade onde se instaba a Xunta de Galicia a rehabilitar esta igrexa. Agora, doce anos despois, volvemos presentar esta iniciativa para ver se dende a Administración Autonómica interésanse polo Templo Votivo do Mar de Panxón antes de que os danos sexan irreparables”, conclúen desde o Grupo Socialista.