Nigrán pospón o enterro do kiko de Parada ante a previsión de choiva

O Concello de Nigrán apraza finalmente o enterro do kiko de Parada previsto para a tarde do sábado 12 de marzo ao vindeiro sábado 19 de marzo ante a previsión de choiva. Así, o tradicional evento de fin de Entroido en Nigrán, levado a cabo grazas ao C.C.R. Parada do Miñor, terá lugar a partir das 17:00 horas do 19 de marzo coa saída do cortexo fúnebre do “kiko” desde o Auditorio Municipal tirado por dous carros de bois. A continuación será velado e posteriormente queimado no CCR de Parada, rematando a xornada co concerto de D´Líder.

Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao Enterro da Sardiña, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día unha gran festa que vai máis aló do interese local.