A Concellería de Igualdade de Baiona abre este xoves o prazo para presentar a solicitude de inscrición para o “escape room” de igualdade e prevención da violencia de xénero “Rexeita o Maltrato”, dirixido a maiores de 12 anos e que se desenvolverá o sábado 9 de abril ás 16:30 horas na Praza do Concello. Este tipo de xogo mental en equipo foi deseñado con este fin coeducativo dentro da programación “Primavera Lila”.
Un “escape room” educativo é unha técnica de xogo que consiste en enfrontar aos participantes a unha situación imaxinaria de peche. Estes organízanse en grupos de tres ou cinco participantes, dispoñendo cada equipo dunha caixa co material necesario para realizar as diferentes probas e obter a súa “liberación”. A actividade recrea unha contorna chea de pistas, crebacabezas ou enigmas que van resolvendo co seu enxeño e coa información fornecida durante o xogo (un audio cunha voz en off que está a soar en bucle durante a proba).
“Trátase dun tipo de xogo moi popular sobre todo entre as persoas mozas e que os engancha desde o principio. É moi interesante porque por unha banda as persoas participantes aprenden a traballar en equipo e, por outra, se lle conciencia sobre o modelo de relación social entre homes e mulleres. Desta forma, mesturando a parte informativa e a dimensión lúdica, os contidos chegan máis á poboación”, explicou a concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas.
A edil de Igualdade lembra “a importancia que ten traballar a diario en favor da igualdade en base a políticas que ofrezan respaldo a mulleres como as que se recollen no Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Baiona 2019-2023”. Accións que sexan tamén extensivas a toda a cidadanía porque “a igualdade é cousa de toda unha sociedade” e é preciso traballar en conxunto con estratexias que abarquen a todas as idades e colectivos, con accións específicas para cada sector “e que todas teñan un fío condutor, unha sociedade comprometida coa igualdade”, finaliza Moreira Costas.
A actividade é gratuíta, subvencionada cos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, no marco da Resolución do 8 de setembro de 2021 da Secretaría de Estado de Igualdade de transferencias para o desenvolvemento de novas ou ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o exercicio 2021.
Solicitude de inscrición e prazo
As persoas interesadas en participar na actividade deberán presentar o anexo I, xunto á documentación que se require nestas bases no rexistro do Concello de Baiona, ou a través da sede electrónica do Concello de Baiona dende o xoves 10 de marzo ata o luns 21 de marzo ambos os dous incluídos. As bases e os anexos correspondentes poden descargarse do taboleiro virtual ou da páxina web do Concello de Baiona: http://www.baiona.gal.
Para calquera dúbida ou máis información poden contactar de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas no teléfono 690365933 ou solicitar información no enderezo electrónico administrativo.cim@baiona.gal.

