
O Concello de Nigrán vén de instalar 13 paneis “metrominuto” por todas as zonas urbanas (Nigrán, A Ramallosa e Panxón) como novidosa ferramenta para incentivar os desprazamentos a pé fronte ao emprego do vehículo. Trátase de mapas sinópticos que miden distancias e tempos camiñando entre diferentes puntos significativos e que empregan no seu deseño os códigos visuais dos planos de metro (como aceno a un dos medios de transporte máis significativos das grandes urbes, suxerindo o ir a pé como outro medio igual de valioso).
O Concello de Nigrán obtivo os seus “metrominutos” a través da rede Ágora da Deputación de Pontevedra, quedando o municipio integrado na rede “Ciudades que Caminan” (asociación internacional de diferentes administracións que busca que os peóns sexan os verdadeiros protagonistas do espazo público). Os tempos de desprazamento foron calculados a unha velocidade media de 5 km/hora, o que sitúa o núcleo de Panxón a 17 minutos do centro de Nigrán, o esteiro de A Foz a 6 minutos da Ramallosa ou o Templo Votivo a 8 minutos do espazo deportivo Dunas de Gaifar.
“O obxectivo é ‘desdramatizar’ a cultura de camiñar evidenciando o pouco que compensa coller o coche para moitos desprazamentos, sendo ademais algo saudable física e mentalmente”, explica o alcalde, Juan González. De feito, está demostrado que ao tratarse de distancias curtas e tempos breves, coa información que nos ofrece o Metrominuto nos predispoñemos mellor a camiñar ata o noso destino, priorizando así o medio pedestre.
“Ao fin de todo será un activo máis do noso programa ‘Un Nigrán para todos’ porque se trata de animar a empregar o espazo público, sempre tivemos claro que os peóns teñen a máxima prioridade, e así desenvolvemos as nosas políticas ao respecto. Xa hai anos creamos rutas escolares seguras ao CEIP Humberto Juanes para que o alumnado fose camiñando e agora dirixímonos a toda a veciñanza para que comprenda que todo son vantaxes se imos a pé a facer os recados, gañaremos en saúde e teremos un municipio máis amable para as persoas”, destaca González.