
O Partido Popular denuncia que o Concello de Gondomar vén rebaixando ano tras ano o importe do Plan Concellos destinado á creación de emprego, chegando este ano a ser a metade do solicitado no ano 2019. O pasado 11 de febreiro a Deputación Provincial de Pontevedra aprobou conceder ao Concello de Gondomar unha subvención de 117.228,07 euros destinados ao emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, correspondentes á liña 3 do Plan Concellos 2022-2023, “a metade do que realmente podía solicitar, xa que o importe máximo que poderían destinar a esa liña serían 221.687,72 euros”.
“Con ese importe o Concello pretende contratar 6 peóns de obra pública, 1 auxiliar administrativo, 2 condutores e un técnico de turismo, deixando fóra a posibilidade de contratar a un conserxe, como fixo en anos anteriores, e así darlle unha solución á necesidade manifestada pola dirección do colexio de Vincios, que leva dende comezos de curso sen conserxe e tendo que compartir os dos outros colexios de Gondomar”, lamenta Paula Bouzós.
No ano 2019 o Concello de Gondomar destinou a esta liña a cantidade de 217.333,18 euros, no ano 2020 rebaixou a 200.667,14 euros e no ano 2021 a cantidade baixou ata os 158.069,48 euros, rebaixando este ano aos 117.228,07 euros.
A voceira do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, argumenta que “estamos vendo o interese que ten o goberno municipal pola creación de emprego e a mellora e conservación dos servizos municipais, destinando cada ano menos cartos a este fin, a pesar de que as bases do Plan Concellos permite unha cantidade moi superior. Este ano invisten a metade do que poderían destinar, e o ano pasado o 37% do máximo permitido”.