O Auditorio Municipal Lois Tobío levanta o pano ao programa de “Gondocultura Primavera”

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

O Concello de Gondomar, a través da súa Concellería de Cultura, inaugurará a próxima semana a programación “Gondocultura Primavera”, que dedica de forma íntegra ao arte escénica do teatro, subindo ás táboas do Auditorio Lois Tobío representacións de grupos galegos, nacionais e afeccionados como son os integrantes da aula de teatro municipal de Gondomar.

Comedia, memoria histórica ou crítica social no programa

O pano abrirase o vindeiro venres 13 de marzo coa coprodución entre Aporía Escénica e Olivas Negras, na que será a súa segunda función tras a estrea. Chegan con “A familia real”, onde se abordan cales son as dificultades e desafíos que se nos presentan como nais e pais. Coa representación “Quen dixo medo?” e “Rede Güija”, debutarán no programa de Gondocultura os/as integrantes das aulas municipais de teatro de Gondomar o día 20 de marzo.

A memoria histórica chegará da man de Inversa Teatro e a súa obra “O péndulo”, promovida pola Deputación Provincial e que se poderá ver o 26 de marzo. E ao día seguinte, 27 de marzo, será a quenda para “As que limpan”, unha produción de A Panadería que vén apoiada por moi boas críticas e que non deixará indiferente ao público que asista a vela.

Teatro en Vilo poñerá en escena “Hoy puede ser mi gran noche”, o 2 de abril, ofrecendo ao espectador unha festa teatral, “unha peza cómica e musical”. Pola súa banda a compañía nacional Impromadrid representará en Gondomar a obra “Porvenir” o 9 de abril e, a programación para adultos pecharase coa representación de “Hotel Europa” o 30 de abril.

Como cada edición sempre se pensa no público familiar a quen se dirixe fundamentalmente a obra “O Cubo”, que se representará o 24 de abril.

Localidades

As entradas estarán dispoñibles para todos os interesados e interesadas no despacho de billetes electrónico https://taquilla.concellodegondomar.gal onde se ofrecen máis datos sobre as obras de teatro, o horario e o prezo.