O capitán de ruta do Vigo-Rías Baixas non defraudou na súa estrea da tempada de estrada 2022. Noel Martín conseguiu a terceira posición este domingo no Trofeo Olías Industrial. O abulense asinou na provincia de Toledo o segundo podio do ano da estrutura presidida por José Luis Chamorro.
“O equipo estivo moi atento, corremos ben”, apunta Martín, destacando o traballo realizado polos seus compañeiros para que a carreira chegase controlada e sen escapados ao tramo final dos 126 quilómetros de percorrido. Na XLII edición desta clásica, os corredores tiveron que dar catro voltas a un circuíto que incluía o ascenso ao porto de Olías del Rey, unha cota de 3ª categoría que se coroou por última vez a menos de 2 km de meta. O momento clave da xornada chegou na aproximación á recta final.
“Rus (o gañador) sorprendeunos a todos -admite o xefe de filas flúor- e a min fóiseme un pouco a súa roda porque me pecharon a falta de 500 metros. Tiven que frear e case arrancar de parado. Aínda así, non o collería porque el atacou moi forte”. Martín entrou terceiro co mesmo tempo que o segundo clasificado, Pol Hervás (Brocar), e a 4 segundos do ciclista que se adxudicou a vitoria. “É un bo resultado”, conclúe o representante da estrutura olívica, satisfeito por abrir a súa tempada sobre o asfalto cun podio.
O Vigo-Rías Baixas pechou en Olías del Rey unha fin de semana con dobre cita nas estradas toledanas. O sábado disputouse o Memorial Julio López de la Torre “Chineta”, tamén puntuable para as clasificacións da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC). Nesta proba reservada a ciclistas sub-25, o inglés Max Williamson foi o mellor clasificado dos pupilos de Tomás Martínez, obtendo a 17ª posición.
Trofeo Guerrita
A intensa axenda do conxunto flúor completouse coa participación doutro bloque de corredores este domingo na segunda xornada da Copa de España, celebrada na localidade murciana de Alcantarilla. O Trofeo Guerrita, marcado pola choiva, resolveuse con Martín Rey (23º), Pablo Ara (45º) e Yurgen Ramírez (62º) alcanzando a meta como integrantes do pelotón máis numeroso, a máis de catro minutos e medio do grupo que se xogou a vitoria. O certame estatal continuará o vindeiro domingo en Euskadi coa Aiztondo Klasika.


