Nigrán cede un espazo no parking da Ramallosa para recadar axuda humanitaria para Ucraína

O Concello de Nigrán cederá desde este luns 7 de marzo á Asociación de Búsqueda y Salvamento Ría de Vigo y Baixo Miño un espazo no aparcadoiro público e gratuíto da Ramallosa para recadar axuda humanitaria para Ucraína e a poboación refuxiada. En concreto, aceptaranse doazóns de alimentos non perecedoiros e de alimentación infantil (en ningún caso en envase de cristal) e material sanitario e de primeiros auxilios. O Concello habilita para este fin un lugar acoutado do parking municipal situado na rúa Argonautas (á carón da piscina mancomunada) con horario de apertura de luns a sábado de 8:00 a 22:00 horas.

“Consideramos este lugar como o máis axeitado polo seu amplo horario de apertura e a situación céntrica e, principalmente, pola facilidade que ofrece para a carga e descarga”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que a recollida non inclúe roupa ou outro tipo de aveños porque así mesmo se lle trasladou á Asociación de Búsqueda y Salvamento Ría de Vigo y Baixo Miño, entidade coa que o Concello xa ten cooperado en diferentes eventos solidarios e que se ocupará desta acción.

“Estamos desbordados de chamadas de particulares para colaborar e iremos dando pasos da maneira máis sensata posible porque, ademais de poñer o corazón neste conflito, o noso obxectivo é que toda a axuda chegue e resulte realmente útil e eficiente”, explica o rexedor.

O Concello ofreceu esta semana a Residencia de Tempo Libre de Patos como posible fogar para acoller refuxiados ucraínos, respondendo así á petición da Federación Galega de Municipios e Provincias. No caso de Nigrán, o goberno local considera a residencia de Patos como “un fogar idóneo”, xa que é unha instalación que só ten actividade de xuño a setembro, dispón de camas, cuartos individuais, cociña industrial e comedor. Igualmente, na sesión plenaria deste luns o Concello asumiu unha declaración institucional en contra de todo tipo de guerras, ao tempo que censurou a invasión rusa.