Nigrán colabora no II Concurso Autonómico de Interpretación de Obras de Mujeres Compositoras en Andalucía

O Concello de Nigrán vén de participar no “II Concurso Autonómico de Interpretación de Obras de Mujeres Compositoras” en Andalucía mediante un “Premio Especial Concello de Nigrán” que supón a contratación da persoa galardoada para vir tocar ao municipio. O certame foi convocado polo Conservatorio Superior de Música Rafael Orozco de Córdoba. O mencionado premio especial recaeu na frautista de Valladolid Rosario Guerra Pérez, que ofrecerá proximamente un concerto no Auditorio Municipal. No acto de entrega estivo presente a concelleira de Cultura, Nuria Lorenzo, quen ademais formou parte do Xurado.

O concurso naceu cos obxectivos de destacar a relevancia e calidade do repertorio musical composto por mulleres, así como para poñer en valor a figura da muller compositora. Neste sentido, o Concello de Nigrán estableceu o seu propio galardón atendendo á mellor obra interpretada composta a partir de 1950 para así achegarse a autoras contemporáneas. Adicionalmente, con esta iniciativa foméntase o coñecemento, estudo e profundización deste repertorio por parte do alumnado.

“O Concello de Nigrán quere poñer en valor a figura da muller na música e á vez aproveitou a ocasión para promoverse culturalmente e turísticamente por toda Andalucía”, explica Nuria Lorenzo, que destaca que se presentou alumnado de todos os conservatorios de Andalucía (Sevilla, Córdoba, Málaga, Granda e Jaén) das especialidades de Saxofón, Violín, Piano, Canto, Frauta e Percusión.