Baiona ofrece aparcamento en Porto do Molle e autobuses gratis para gozar da Arribada

Baiona ofrecerá durante a Festa da Arribada unha alternativa para estacionar o coche. Grazas á colaboración de Zona Franca habilitarase en Porto do Molle unha bolsa de estacionamento de vehículos, con autobuses lanzadeira que achegarán aos usuarios á zona centro de Baiona.

Para evitar o tráfico que se concentra na entrada á vila, os autobuses utilizarán a autoestrada AG-57 para completar o traxecto entre Nigrán e Baiona, saíndo en Baredo, con traxectos de ida e volta cada media hora.

Tanto o aparcamento en Porto do Molle como o traslado en autobús será totalmente gratuíto, e estará operativo na xornada do sábado de 13:00 a 00:00 horas e o domingo de 11:00 a 22:00 horas. Deste xeito, os visitantes poderán estacionar os seus vehículos nunha zona segura e gozar tranquilamente da festa medieval.

Nesta nova edición da Arribada, como novidade poñeranse en funcionamento lanzadeiras nocturnas Baiona-Vigo. A concesionaria do servizo de transportes de viaxeiros Lugove ofrecerá este servizo a madrugada do domingo 6 de marzo con saída desde a entrada do Parador ás 00:30, ás 02:00 e ás 4:00 horas.

Así mesmo, como en anos anteriores, habilitaranse estacionamentos na estrada da Costa, en Sabarís, garantirase o acceso aos aparcamentos de “A Palma” e “O Aral”. Tamén se aconsella aos condutores, en Sabarís, tomar o desvío pola circunvalación cara a Baredo.