
A Xira Exploraterra 2022 chega a Baiona. Trátase dunha gran xira por varios portos da Península Ibérica, na que participan as réplicas dos barcos históricos máis emblemáticos da era das expedicións marítimas hispano portuguesas: a nao Vitoria, a nao Santa María, a carabela Veracruz, a carabela Pinta e o galeón Andalucía.
A xira, xa estivo presente en Sevilla, Cádiz, Huelva, Lagos e tras visitar Setúbal proseguirá polos portos de Baiona e A Coruña, para sensibilizar ao público que suba a bordo destes barcos, sobre o rico patrimonio cultural que existe ao redor das grandes viaxes de exploración peninsulares, que abriron a imaxe do mundo moderno e revolucionaron o coñecemento que o home tiña do planeta.
Trátase dunha das actividades do proxecto Exploraterra. Unha iniciativa liderada pola Fundación Nao Vitoria, financiado con fondos FEDER a través do Programa INTERREG V A España Portugal (POCTEP) 2014-2020, que conta coa participación doutras institucións: a Axencia Andaluza de Institucións Culturais da Junta de Andalucía, a Axencia de Turismo de Galicia, a Associação Portuguesa de Treino de Vela (APORVELA) e a Entidade Rexional de Turismo do Algarve.
A xira Exploraterra 2022 chega a Baiona coa presenza da nao Santa María e a carabela Vera Cruz, que abrirán as súas cubertas ao público de forma gratuíta do 3 ao 6 de marzo no Porto Deportivo de Baiona. A Nao Santa María, unha fiel réplica histórica a tamaño real do navío capitá da frota de Cristóbal Colón de 1492. Un barco de 200 toneladas, 29 m. de eslora e 8 m. de manga, catro paus, cinco velas e cinco cubertas, construída co exquisito traballo en madeira de iroko e piñeiro carpintería de ribeira, que navega como museo flotante da súa propia historia e do patrimonio marítimo e cultural das expedicións marítimas. A carabela Vera Cruz, é unha réplica exacta das antigas carabelas portuguesas. Foi construída no ano 2000 no estaleiro de Vila do Conde como parte das celebracións do 500 aniversario do Descubrimento de Brasil. Actualmente, o barco é unha excelente plataforma para o adestramento de navegación e experiencias no mar, investiga o comportamento e as manobras das carabelas antigas e realiza visitas de estudo a escolas en Lisboa e outros portos portugueses.
Para que os visitantes poidan percorrer as súas cubertas con total seguridade, adoptaranse todas as medidas sanitarias pertinentes, como o uso obrigatorio de máscaras tanto do público como da tripulación, disposición de xeles hidroalcohólicos e o mantemento da distancia de seguridade aconsellada.
VISITAS PÚBLICO XENERAL:
Datas: 3 ao 6 de marzo
Lugar: Porto Deportivo de Baiona
Horario: 10:00 a 18:00 horas
Entrada gratuíta