A gondomareña Galifresh segue crecendo da man do selo de Galicia Calidade

O traballo de investigación e innovación da empresa gondomareña Freshcut alumou hai varios anos os purés de froitas Galifresh, un produto san, equilibrado, con ingredientes 100% naturais procedentes das mellores hortas. Todos os seus produtos, fabrícanse sen aditivos, conservantes, colorantes ou azucres engadidos. Con todos eses atributos, foi cuestión de tempo que a marca entrase a formar parte dos produtos distinguidos co selo Galicia Calidade. Hoxe, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Franscisco Conde, achegouse ás instalacións da empresa, no polígono empresarial da Pasaxe, onde foi recibido polo xerente e xefe de Produción de Freshcut, Eusebio Méndez de León. Tamén participaron nesta visita a directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, e a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

Na súa visita á fábrica, as autoridades foron informadas das próximas incorporacións que sairán ao mercado -un total de cinco- e das características da nova planta, tamén no polígono da Pasaxe, en Gondomar, que conta con máis de 3.000 metros cadrados, dos que 1.000 destínanse á zona de elaboración.

A produción en 2021 superou os cinco millóns de terrinas, a partir de 605.000 quilos de froitas. Para o ano 2022, espérase superar amplamente os 12 millóns.

Os purés Galifresh convertéronse nunhas das sobremesas preferidas polos galegos, tanto polos seus atributos nutritivos, como saudables. A calidade dos ingredientes e a elaboración natural contribuíron tamén á súa incorporación nos menús de numerosos centros hospitalarios e residencias xeriátricas, o sector no que máis creceron as vendas nos dous últimos anos. Tamén se incrementaron pola súa dispoñibilidade nos máis de 1.600 puntos de venda nivel nacional e internacional. Na gama de caldos, sopas e cremas de verduras, tamén baixo a premisa de non utilizar ningún tipo de aditivos, conservantes ou colorantes, espérase multiplicar a produción.

O ingrediente estrela dos purés Galifresh é a mazá, cuxo principal provedor é Hortoverín, unha empresa referente na produción de mazás en Galicia.

Preocupación polo medio ambiente e compromiso social

Freshcut preocúpase polo medio ambiente potenciando a utilización de produtos galegos e traballando para diminuír as emisións de CO2 e a pegada ecolóxica dos seus produtos.

Freshcut, como centro especial de emprego, asumiu o compromiso de fomentar a integración social mediante a inserción laboral de colectivos especiais. Neste sentido, a compañía gondomareña conta coa maioría dos seus traballadores con diferentes graos de discapacidade e altamente formados.

Conde destaca o traballo de Freshcut, “un exemplo de empresa”

No acto celebrado esta mañá, Francisco Conde felicitou á empresa polo seu traballo, destacando o seu compromiso coa alimentación saudable, os produtos da horta galega, a I+D+i e a economía social. Neste sentido, o vicepresidente segundo sinalou que Freshcut é un exemplo de empresa que mostra que o camiño da innovación na industria agroalimentaria leva a novas investigacións no ámbito da nutrición e á posta en valor do sector primario galego a través da xeración de novos produtos.

Actualmente son 145 empresas e máis de 600 produtos os que contan coa certificación Galicia Calidade. Desas 145 empresas, 65 pertencen ao sector agroalimentario, que dá emprego a máis de 86.000 persoas en Galicia, e que exportou o ano pasado máis de 3.100 millóns de euros.