
O Partido Popular de Baiona critica que “nun momento difícil para a hostalería e o comercio local”, o alcalde, Carlos Gómez, decidiu eliminar a hora gratuíta para os cidadáns que visitan o noso municipio, xeralmente veciños dos pobos da comarca do Val Miñor e da área metropolitana, da que ata o de agora se beneficiaban se aparcaban os seus vehículos no aparcadoiro municipal do Aral. Cabe lembrar que estes 60 minutos sen custo supoñían un incentivo para o consumo nos establecementos de Baiona, con todo, o goberno local, “dando mostra unha vez máis da súa pouca sensibilidade coa complicada situación económica do tecido local”, toma esta medida nun momento no que, a xuízo dos populares, non é o adecuado polas consecuencias que iso terá no consumo.
Cabe poñer de manifesto que o PP xa expresou ao goberno local en pleno o seu descontento con esta medida e demandou que o útil e lóxico sería ampliar a dúas horas o estacionamento gratuíto para os residentes, de forma que os veciños das parroquias tivesen tempo suficiente para realizar as súas xestións no centro de Baiona sen necesidade de que lles supuxese un custo engadido, e, ademais, de manter unha hora sen custo para os visitantes ao longo de todo o ano, fóra da etapa estival. Cuestión á que o tripartito fixo caso omiso apostando, simplemente, por eliminar este tempo gratuíto.
Para o grupo municipal popular, é un retroceso o eliminar esta iniciativa de apoio á pequena e mediana empresa local. “Precisamente, é un piar máis para lograr esa economía circular da que o propio rexedor fala nos medios de comunicación mentres oculta que toma decisións que van en contra, precisamente, deste modelo que anuncia. Efectivamente necesitamos ser competitivos e para iso o goberno local ten que traballar para facilitalo, algo que non está a facer”, sentencian os concelleiros populares de Baiona poñendo de manifesto, non só a supresión desta hora gratuíta no Aral senón tamén a falta de axudas durante estes dous anos aos sectores máis afectados pola pandemia. “Xa o noso sector está a pasar un momento difícil pola pandemia e a subida dos impostos e esta retirada da hora non axuda nada a manter as portas abertas. Nos últimos meses ao redor de media ducia de comercios de toda a vida botaron o cadeado”, apostilan.
Ademais, o PP de Baiona tamén alerta da publicidade enganosa que supón manter os adhesivos nos establecementos onde se anuncia a gratuidade do estacionamento no aparcadoiro do Aral durante unha hora sen precisar que só poden beneficiarse dela os veciños empadroados en Baiona. De feito, varias persoas que se sentiron agraviadas por este anuncio nos comercios transmitiron ao grupo municipal o seu malestar por esta información que non se axusta á verdade.