Sin categoría

Podemos Val Miñor pide aos Concellos facer da SAREB un instrumento que facilite o acceso á vivenda

Os Círculos de Podemos do Val Miñor veñen de rexistrar un requirimento para facer da SAREB un instrumento público que facilite o acceso á vivenda, coa implicación dos propios concellos como xestores das mesmas mediante a súa incorporación a parques públicos de vivenda social municipais.

A aprobación da Real Decreto-Lei 1/2022, do 18 de xaneiro, polo que se modifica o réxime xurídico das sociedades de xestión de activos e en particular o réxime da Sociedade de Xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria deixa en evidencia a neglixente xestión por parte do goberno de Mariano Rajoy e fai imprescindible que se busquen mecanismos para facer que todo o investimento público teña algún beneficio para a cidadanía. “Depende das administracións que a SAREB poida representar unha oportunidade para cubrir as demandas de vivenda social”, indican as responsables do partido nos tres municipios.

No requirimento, piden a implicación e o compromiso das distintas administracións competentes, pero, ademais, sitúa aos concellos nunha posición activa ao solicitar que as vivendas da SAREB pasen a integrarse como vivenda social a través de parques públicos de vivenda xestionados polos concellos. “Se a administración pública se vai facer cargo da SAREB, é fundamental que as súas vivendas pasen a incorporarse aos parques públicos de vivenda para fomentar solucións a un dos grandes problemas nas nosas vilas”, insisten.

Entre as demandas da formación se inclúe a modificación do obxecto social da SAREB, a creación dunha comisión de investigación parlamentaria, a creación dun organismo público para o seguimento da actividade da sociedade, ou que o chan urbanizable, as obras que xa ten a entidade en curso e as propias vivendas xa dispoñibles no Val Miñor, se destinen a vivenda pública e alugueiro social.