O venezolano Ramírez debuta co Vigo-Rías Baixas na apertura da Copa de España

Este domingo ponse en marcha a Copa de España coa disputa do Circuíto Guadiana e o Vigo-Rías Baixas afronta o certame estatal Elite-Sub23 con máis ilusión que nunca. A estrutura presidida por José Luis Chamorro conta este ano coa motivación extra de organizar a mediados de maio a última proba desta competición. Esa cita baixará o pano dun calendario de once carreiras que arranca en terras estremeñas cun destacado debut no equipo flúor.

O venezolano Yurgen Ramírez lucirá por primeira vez as cores da súa nova formación tras aterrar esta semana en España. Escalador con experiencia no campo profesional, o tachirense sumará o seu talento a un bloque que iniciou esta campaña acumulando postos de honra. Tanto Pablo Ara como Asier González terminaron entre os dez primeiros da xeral nas dúas competicións por etapas que se disputaron durante o mes de febreiro. Na última delas, o Memorial Manuel Sanroma, lograron a sexta e a novena praza, respectivamente.

Coa moral alta polo rendemento ofrecido no inicio do curso, o Vigo-Rías Baixas presentará un “sete” que se caracteriza pola súa mocidade. Martín Rey e Joao Leite, que este ano se estrean na categoría, Álvaro Carasa e Ángel Maneiro serán os outros catro compoñentes do conxunto que estará dirixido por Modesto Pérez. O Circuíto Guadiana trae inmellorables recordos á entidade flúor porque en 2020 adxudicouse a vitoria por medio do uruguaio Mauricio Moreira.

A proba, con saída e chegada na localidade pacense de Don Benito, alcanza a súa 56ª edición. Nos seus 171 quilómetros de percorrido os ciclistas deberán superar en catro ocasións a ascensión a Magacela. Este “muro”, de pouco máis de 1 km, pero que conta cun 11% de pendente media ao longo das súas ramplas, subirase por última vez a uns 15 km da meta.

Na súa oitava participación na Copa de España, o Vigo-Rías Baixas forma parte da nómina de doce equipos oficiais que teñen garantida a súa presenza nas once xornadas puntuables. O calendario do certame reservado a corredores menores de 25 anos concéntrase en dous meses e medio. Con citas en oito comunidades autónomas, concluirá o 15 de maio coa segunda edición da Vigo Copa España.