O BNG anima á veciñanza de Gondomar a celebrar o Día de Rosalía

O 23 de febreiro, as galegas e galegos celebramos o “Día de Rosalía”, efeméride do nacemento de Rosalía Castro, a escritora máis representativa das letras galegas e unha das referentes da literatura universal de todos os tempos. A súa obra e pensamento asumiron a voz do noso pobo, reclamando a redención da patria galega, a reivindicación do idioma propio, a denuncia da emigración ou da discriminación da muller.

O Concello de Gondomar conmemora esta data en cumprimento do apoio unánime da Corporación municipal á moción presentada polo BNG en febreiro de 2020, que instaba a institucionalizar o Día de Rosalía.

Nesta data, o BNG chama a toda a veciñanza de Gondomar a participar en actividades e actos que fagan cada vez máis visible a figura de Rosalía en todas as súas facetas, incidindo na clara vixencia dos seus diferentes discursos e na importancia das súas reivindicacións na actualidade.

“A difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, sendo a súa palabra un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural”, afirman os nacionalistas.