
Segundo e último ensaio do Vigo-Rías Baixas antes do inicio da Copa de España. A estrutura presidida por José Luis Chamorro compite esta fin de semana na provincia manchega de Ciudad Real, onde formará parte do pelotón do Memorial Manuel Sanroma Valencia. A escuadra flúor terá como referencias aos dous ciclistas que iniciaron a tempada brillando en Murcia.
Asier González, sexto na xeral da Volta ao Guadalentín, e Pablo Ara, sétimo na clasificación final e terceiro na última etapa da rolda murciana, realizarán un novo test para a Copa de España, certame que arrinca o domingo 27 de febreiro coa disputa do Circuíto do Guadiana. Xunto ao burgalés e ao oscense repetirá presenza no “sete” do conxunto olívico os catalán Marcos Navarrete.
Álvaro Carasa e Jorge Fernández, dous corredores que continúan no Vigo-Rías Baixas, estrearán tempada nunha carreira que servirá como debut co seu novo equipo para dúas promesas procedentes da categoría júnior. Martín Rey e Joao Leite vivirán a súa primeira experiencia como sub23. O arousán e o portugués son dous ciclistas de moita proxección e a dirección flúor aposta forte polo talento de ambos.
A XXII edición do Memorial Sanroma, que homenaxea ao ciclista falecido en 1999 durante un sprint da Volta a Catalunya, poñerase en marcha o sábado cunha etapa de 122 quilómetros. No percorrido entre Almagro e a explosiva subida á Ermida da Nosa Señora de Alarcos, os ciclistas terán que superar os portos de montaña da Garganta e do Rebentón. Ao día seguinte, Almagro exercerá tanto de punto de saída como de chegada. As ascensións aos altos de Huertuzuelas, de 2ª categoría, e a falta de 20 km para a meta ao da Garganta, de 4ª, preséntanse como as principais dificultades dun trazado crebado de 168 km.