Baiona continúa coa renovación da iluminación pública do municipio, un proxecto impulsado desde a Concellería de Alumeado Público, que como explica o concelleiro Óscar Martínez “está a supoñer a renovación da luminaria eléctrica do alumeado público do municipio cun cambio a tecnoloxía LED, co obxecto de mellorar a súa eficiencia enerxética e conseguir un maior aforro nas facturas”.
Aos traballos de mellora realizados en Baredo a semana pasada súmanse os que se están levando a cabo no viario de acceso ao encoro de Baíña, onde se substitúen 33 luminarias con consumo de 70W de sodio por un consumo unitario de 30W LED. Os traballos están a consistir na substitución das luminarias coa subministración e montaxe de lámpadas LED, mantendo a columna ou brazo existente, así como as melloras nas instalacións eléctricas cando sexan necesarias.
As obras da iluminación desenvolvidas nestes días con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra son realizados por persoal do Concello.
Entre as vantaxes da luminaria LED atópanse que este tipo de lámpadas teñen unha vida útil maior, aproximadamente 50.000 horas, reduce a pegada de carbono nun 50% e é 100% reciclable. A renovación da iluminación tamén vai redundar na calidade da iluminación pública do municipio, aumentando os niveis de iluminación, mellorando a uniformidade media de servizo e a calidade cromática da luz.

