Nigrán pecha este venres o prazo de inscrición para o concurso de comparsas

O Concello de Nigrán pecha este venres 18 de febreiro o prazo de inscrición no concurso de comparsas, que terá lugar o sábado 26 de febreiro ás 21:00 horas. As agrupacións interesadas en participar deben inscribirse no Rexistro do Concello (de 9:00 a 14:00 horas) coa documentación pertinente (ficha de inscrición cuberta, fotocopia do CIF ou DNI, certificado de conta bancaria e xustificante de estar ao corrente tanto en Facenda coma na Seguridade Social). As bases, penduradas na web municipal http://www.nigran.es, mantéñense coma nos anos anteriores, así, as agrupacións deben contar cun número de participantes superior aos 20 membros, dos cales un mínimo de dez terán que ser adultos.

O Concello recupera o tradicional desfile tras o Entroido telemático do ano pasado e amplía a dotación económica ata os 4.150 euros repartidos en vinte premios (700, 600, 500, 400, 300, 250, e os seguintes 14 restantes clasificados con 100 euros) para que todas as agrupacións participantes se beneficien. A maiores, cada unha das comparsas pertencentes a asociacións culturais, deportivas, educativas e veciñais do municipio (ata un máximo de 5 por orde de Rexistro de Entrada) percibirán unha dotación extra de 300 euros como axuda. Por protocolo Covid, establécese como obrigatorio o uso de máscaras por parte de todos os participantes e organizadores.

O desfile, como é habitual desde a rúa Telleira ata a Casa Consistorial, arrancará coa batucada de “Bate no Cobre” ás 20:30 horas e desde as 21:00 as comparsas sairán segundo a clasificación do sorteo que se celebrará o día 23 de febreiro ás 12:00 no salón de plenos. As actuacións se desenvolverán á altura da Casa Consistorial. Se a previsión meteorolóxica fose adversa para ese día, o desfile trasladaríase para outra data.

O xurado, pendente da súa designación, dará o fallo ao remate do evento tendo en conta para a concesión dos galardóns a orixinalidade, o vestiario, a actuación e o número de participantes de cada comparsa. Pode quedar deserto algún premio e de haber menos comparsas que premios o número destes axustaríase.

As bases están a disposición dos interesados na Oficina de Atención ao Cidadá do Concello ou na web municipal.

Programación de Entroido

O Concello de Nigrán inicia os actos do Entroido o venres 25 de febreiro coa actuación de Cristian de Samil co show “Mamá&Monólogos” no Auditorio Municipal ás 20:00 horas. Tras o tradicional desfile de comparsas do sábado 26, o luns 28 de febreiro será a quenda dos máis pequenos con contacontos e baile desde as 17:00 no Auditorio Municipal.

O Entroido finaliza o sábado 12 de marzo co tradicional enterro do kiko de Parada que, unha vez máis, partirá dende a Casa do Concello sobre as 18:00 horas tirado por un carro de bois para ser velado a continuación no Torreiro de Parada, actos que se celebran co Centro Cultural Parada do Miñor e que rematarán coa queima do kiko e un concerto de D’Líder.

“Este ano recuperamos o Entroido tradicional con todas as medidas de seguridade. Coma noutros anos, é un Entroido no que teñan cabida todos os públicos e tamén conta cun evento específico para o desfrute dos nenos. Como viñemos facendo, seguiremos a poñer en valor as tradicións máis locais, como é o caso do enterro do kiko”, explica o alcalde, Juan González.