Ribera Povisa recupera a entrada principal pola rúa Salamanca con novo deseño e sen barreiras arquitectónicas

O hospital Ribera Povisa estreou este luns, 14 de febreiro, a nova entrada pola rúa Salamanca, que recupera o acceso histórico ao centro sanitario pero xa sen as antigas escaleiras que caracterizaban ao edificio e que supoñían unha importante barreira arquitectónica.

A mellora da accesibilidade e a humanización das instalacións foron as premisas desta obra, que supuxo un importante reto á hora de redeseñar os circuítos para os pacientes e que permitiu a creación de novas consultas e zonas administrativas nunha superficie total de 1.400 metros cadrados repartidos en dúas plantas.

Tras un investimento de 2,5 millóns de euros e nove meses de obras, o maior hospital privado de España, propiedade do grupo Ribera, acolle a pacientes, visitantes e usuarios cun amplo vestíbulo situado a nivel da rúa Salamanca no que se habilitaron dous novos ascensores e un novo sistema de citas nas que se detalla o itinerario a seguir para chegar ás diferentes consultas.

“Unha das maiores dificultades ás que nos enfrontamos con esta obra foi a revisión dos circuítos, cunha distribución completamente nova e ordenada tanto das consultas como das habitacións”, explicou Alfonso Pimentel, director de Servizos Xerais.

O estudo de interiorismo vigués Espacio Invisible encargouse do deseño, que inclúe elementos mariños e que se inspira na ría de Vigo con paredes e teitos que evocan o movemento da ondada e que combina grandes ventás de vidro e madeira con tons neutros nun amplo vestíbulo que trata de evitar as aglomeracións. “Non quixemos deixar pasar a oportunidade de realizar un traballo de interiorismo moi coidado, con especial fincapé na humanización, en facilitar o acceso dos pacientes e que sentan cómodos”, subliña Pimentel.

No exterior, ademais, tamén se culmina o proxecto de envolver o perímetro do edificio cun cinto de mármore negro, que transforma por completo a antiga imaxe do centro sanitario, inaugurado en 1973. Tanto o deseño externo como o proxecto interior tamén levan firma viguesa, en concreto a da arquitecta María Iglesias, do estudo Prourbarq, que colabora desde hai tempo co hospital Ribera Povisa.

A partir de agora, os traballos continuarán nunha nova fase que implicará a reforma do acceso provisional pola rúa Zaragoza, que durante máis de seis anos foi a vía de entrada ao hospital.

Recuperar a entrada principal foi a pedra angular do ambicioso plan estratéxico fixado por Ribera tras a adquisición do hospital Ribera Povisa, en outubro de 2019. Desde a chegada do grupo valenciano, culminouse a reforma integral da área de Urxencias e renovouse o equipamento tecnolóxico cun investimento de máis de 3 millóns de euros cun novo acelerador, unha resonancia magnética e un PET TAC, entre outros.

Tamén se melloraron as instalacións e o equipamento tecnolóxico da Escola de Enfermería e creáronse novas unidades privadas que complementan a oferta do hospital vigués, como as consultas de Roncopatía, Traumatoloxía e Ortopedia Infantil, Cirurxía Plástica, Cirurxía da Obesidade ou Recoñecementos médicos. Esta nova carteira de servizos forma parte do modelo asistencial de Ribera, enfocado á medicina personalizada, preditiva, preventiva, poboacional e participativa (5 Ps) e que busca achegar valor á sociedade a través de tecnoloxía de vangarda e dunha xestión responsable, integral e sostible.