
O pasado mércores 26 de xaneiro comezou a Xira Exploraterra 2022, na que as réplicas dos barcos históricos máis emblemáticos da gran era das expedicións marítimas hispano portuguesas visitarán varios portos da Península Ibérica. A Nao Victoria, a Nao Santa María, a Carabela Veracruz, a Carabela Boa Esperança, a Carabela Pinta e o Galeón Andalucía percorrerán ao longo de dous meses Sevilla, Cádiz, Huelva, Lisboa, Baiona e A Coruña, para sensibilizar ao público que os visite sobre o rico patrimonio cultural que existe ao redor das grandes expedicións marítimas xeográficas españolas e portuguesas, que abriron a imaxe do mundo moderno e revolucionaron o coñecemento que o home tiña do planeta.
Trátase dunha das actividades do proxecto Exploraterra, unha gran iniciativa para preservar, poñer en valor e promover a herdanza común que conservan varias rexións de España e Portugal, ligada ás exploracións marítimas que protagonizaron nos séculos XV ao XVII. Unhas expedicións que cambiaron o curso da historia e dotaron a estes territorios dun especial vínculo cultural, etnográfico e histórico ao redor delas que chega ata os nosos días. O proxecto está liderado pola Fundación Nao Victoria, financiado con fondos FEDER a través do Programa INTERREG V A España Portugal (POCTEP) 2014-2020, e conta coa participación doutras institucións: a Agencia Andaluza de Instituciones Culturales da Junta de Andalucía, a Axencia de Turismo de Galicia, a Associação Portuguesa de Treino de Vela (APORVELA) e a Entidade Rexional de Turismo do Algarve.
A xira Exploraterra 2022 arroncou coa presenza da Nao Victoria en Sevilla, que abriu as súas cubertas ao público de forma gratuíta, para mostrar como foi o barco que protagonizou hai case 500 anos una das expedicións marítimas máis importantes da historia: a Primeira Volta ao Mundo. Un fito que culminou décadas de viaxes anteriores e marcou o inicio dunha nova era no avance explorador e o coñecemento do planeta, grazas á participación dos barcos e os mariños de España e Portugal.
Chegou despois a Cádiz, coa presenza da Nao Victoria e o Galeón Andalucía. Ambos os dous navíos abriron as súas cubertas ao público de forma gratuíta desde o 2 e ata o 6 de febreiro, para mostrar como foi o barco que protagonizou hai case 500 anos a Primeira Volta ao Mundo – a Nao Victoria, e as formas e vida a bordo dos soados galeóns españois – o Galeón Andalucía.
A seguinte parada foi Huelva, onde se deron cita tres réplicas dos barcos históricos máis importantes da nosa historia marítima, profundamente ligados á cidade e a provincia onubense: a Nao Santa María, a Nao Victoria e o Galeón Andalucía. Os barcos se puideron visitar de forma gratuíta durante os días 9 ao 13 de febreiro.
Na próxima edición da Festa da Arribada, que se celebrará do 4 ao 6 de marzo, baioneses e visitantes poderán visitar a Santa María, outra réplica exacta da expedición de Cristóbal Colón. Ademais sumarase no peirao a Nao Veracruz, unha réplica das antigas naves que usaban os portugueses nos séculos XV e XVI.
Para que os visitantes poidan percorrer as súas cubertas con total seguridade, adoptaranse todas as medidas sanitarias pertinentes, como o uso obrigatorio de máscaras tanto do público como da tripulación, disposición de xeles hidroalcohólicos e o mantemento da distancia de seguridade aconsellada.