Nigrán doará 10.500 máscaras aos campamentos de refuxiados saharauís

O Concello de Nigrán doará grazas á empresa concesionaria Aqualia un total de 10.500 máscaras hixiénicas para a poboación dos campamentos de refuxiados saharauís. O delegado de Aqualia en Galicia, Javier García; o xefe de Produción, David Soneira, e a responsable de planta en Nigrán, Marían Lago, fixeron hoxe a achega no Concello. O propio alcalde e presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Juan González, fará a entrega ao desprazarse esta semana próxima ao territorio arxelino dentro da viaxe organizada por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Adicionalmente, o rexedor levará tamén por parte do Concello 200 camisetas e 20 kg de caramelos.

“Este Concello e o Fondo Galego colaboran desde sempre co pobo saharauí porque España ten esa débeda histórica e sabemos que a crise do Covid-19 lles afectou especialmente e que precisan epis, así que queremos coñecer máis de preto as súas necesidades básicas. Con este fin, González manterá entrevistas co presidente da República Árabe Saharauí Democrática, demais dirixentes e activistas.

O Concello de Nigrán consigna anualmente unha axuda directa de 2.500 € anuais á asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, responsable do programa “Vacacións en Paz” no que participa o municipio e que consiste en traer a menores a Galicia para apartalos das inclemencias do verán nos campamentos de refuxiados de Arxelia e, ao mesmo tempo, recibir atención médica. O obxectivo do Concello é contribuír a proxectos de cooperación ao desenvolvemento, axuda humanitaria ou sanitaria, formación ou ao propio programa “Vacacións en Paz” (suspendido os dous pasados veráns polo Covid-19).

As organizacións humanitarias internacionais que operan nos campamentos de refuxiados saharauís, especialmente ACNUR, o PMA, UNICEF e cinco ONG internacionais (Oxfam, CISP, Médicos do Mundo, MPDL e SIA), emitiron un chamamento conxunto o 19 de abril de 2020 para solicitar aos donantes que realicen contribucións e doazóns para apoiar os procedementos de prevención da COVID-19 e evitar un maior deterioro na situación humanitaria, especialmente porque a taxa de anemia entre mulleres, embarazadas e nais lactantes aumentou ata superar o 73%, e respecto á porcentaxe de malnutrición entre os nenos menores de cinco anos, este aproxímase ao 25%; así como tamén se rexistra unha alta porcentaxe de persoas con diabetes e presión sanguínea arterial.

SOGAPS

A finalidade de SOGAPS é dobre. Por unha parte pretende mellorar as condicións de vida tanto dos refuxiados saharauís, como da poboación residente no Sáhara Occidental ocupada por Marrocos; por outra parte, dende o ano 1991 que se creou o movemento solidario en Galicia, o obxectivo segue sendo o de dar resposta ás necesidades de planificación e mellora na xestión e execución da axuda humanitaria dirixida aos refuxiados saharauís que se dá na nosa Comunidade a petición e coordinación da Delegación Saharauí para Galicia.