Dez medallas para o Club de Loita Sabarís na II Copa Galicia de Loitas Olímpicas

O Club de Loita Sabarís conseguiu un total de 10 medallas -4 de ouro, 4 de prata e 2 de bronce- na segunda edición da Copa Galicia de Loitas Olímpicas, celebrada este sábado baixo a organización da Federación Galega de Loita en colaboración co Club de Loita Pontevedra, a Secretaría Xeral para o Deporte, Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra. Por equipos, o club baionés finalizou no terceiro posto.

David González logrou a medalla de ouro na categoría sénior 61 kg, tanto na modalidade de loita libre olímpica como na grecorromana. Diego Otero fíxose coa medalla de prata en sénior 65 kg de libre olímpica. Lois Cabreira conseguiu o bronce nas dúas modalidades, libre olímpica e grecorromana, na categoría cadete 71 kg. Anxo Lomba acadou a prata en cadete 51 kg de libre olímpica. Na categoría cadete 41 kg, Donis Fernández levou a medalla de ouro e Pedro Fernández a de prata, tanto na modalidade de loita libre olímpica como na grecorromana.

Este campionato foi unha proba selectiva para participar nos Campionatos de España Júnior de Loitas Olímpicas, que se celebrará os vindeiros 5 e 6 de marzo en Sagunto (Valencia).