
O Concello de Baiona instalou un novo sistema de control de entrada e saída electrónica para as persoas usuarias do aparcamento municipal do Aral. O concelleiro encargado da xestión das instalacións, Óscar Martínez, indica que se trata de adaptar o edificio aos novos tempos tecnolóxicos e de ofrecer “un mellor servizo á cidadanía, ademais de optimizar a utilización de todos eles”.
Instalouse unha fechadura electrónica na porta que dá ao centro de saúde, coa que se pode acceder ao aparcadoiro coa tarxeta de persoa abonada ou un ticket e retirar o vehículo, aínda que o aparcamento estea pechado. Ata o de agora tan só podían facelo os abonados, a través da porta principal de vehículos, utilizando unha chave fornecida polo Concello.
A instalación deste novo equipo súmase á implantación do novo sistema de acceso de vehículos realizada hai uns meses e á ordenanza municipal aprobada o ano pasado polo actual equipo de goberno, que “rebaixa significativamente as tarifas de abonados e usuarios, ademais beneficia ás baionesas e baioneses cun desconto a maiores”, segundo explica o concelleiro.
O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, destaca que coa mellora do servizo e a modificación da ordenanza municipal que rebaixou as tarifas, “queremos garantir un servizo público, de calidade, que beneficie o máximo posible aos veciños de Baiona”.
Así mesmo, lembra que “todos os veciños e veciñas do municipio poden gozar dunha hora de aparcamento gratis todos os días do ano (tamén sábados, domingos e festivos) os doce meses do ano”.