Nigrán festexa o Día da Muller e a Nena na Ciencia coa obra de teatro familiar “Ciencia que Alimenta”

O Concello de Nigrán, a través do CIM, ofrece este venres 11 de febreiro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal a obra de teatro familiar “Ciencia que Alimenta”, espectáculo que se encadra na programación especial polo Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. A comedia, idea orixinal de Pío González, corre a cargo da compañía “Roto e Descosida”, cos actores Carlos Godoy e Cecilia Vázquez respectivamente.

“Ciencia que Alimenta” é unha representación teatral con contidos científicos e sen comunicación verbal convencional (linguaxe onomatopeica). A obra abrangue unha sucesión de experimentos científicos ou demostracións de algún concepto da ciencia que son realizados por dúas personaxes, un profesor científico (toda unha eminencia) e o seu axudante (burlón, pasota e un chisco toupón). A ciencia require estudo, atención e esforzo, pero a recompensa (o coñecemento), pode ser moi grande para as persoas que se achegan a ela.

Dentro desta programación, o Concello de Nigrán mantén ata a medianoite deste xoves 10 de febreiro o prazo de inscrición para participar no escape room “Estrelas” do domingo 13 de abril ás 11:00 horas nas inmediacións do Pavillón de Panxón. Toda a información (bases, solicitude e autorización en caso de menores) está a disposición dos interesados na web municipal no apartado de “Programación Mes da Muller”.

O Concello ofrece ata o 13 de marzo máis dunha vintena de eventos e actividades que se integran tamén na conmemoración do 8-M, Día Internacional da Muller, e que está financiado polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.