O Barbeira Season Fest de Baiona ficha como director artístico ao músico Pablo Novoa

A organización do Barbeira Season Fest de Baiona leva meses traballando na nova edición e, ao mesmo tempo, desexando desvelar unha importante nova: a fichaxe do músico Pablo Novoa como director artístico do festival que se celebrará en Baiona do 31 de agosto ao 4 de setembro.

A incorporación de Novoa á organización do Barbeira Season Fest como supervisor da programación musical supón, segundo apunta o director do certame Isaac González, “un emocionante salto de calidade”. “Que o cartel do festival leve a sinatura de Pablo Novoa é unha garantía. Levamos meses traballando xuntos na nova edición e xa temos a sensación de que todo mudou para mellor”, sinala. Ademais, remata, “Pablo entendeu dende o primeiro momento que o Barbeira Season Fest é un festival distinto e soubo adaptar toda a súa experiencia ao noso enfoque”.

Pola súa banda, Novoa afirma sentirse “moi honrado de traballar ao carón do equipo do Barbeira Season Fest porque nótase que nos une un cometido común: darlle vida á cultura en Galicia tanto apostando por grupos galegos como traendo xente de fóra que poder desfrutar”. O músico vigués comenta que, aínda que a música será o prato forte do festival, “aproveitaremos a hospitalidade de Baiona para dar a coñecer a súa hostalería, gastronomía, etcétera para potenciar este paraíso”. “Dende a humildade, pero sen deixar de soñar, faremos un festival que irá medrando ano tras ano ollando aos catro puntos cardinais para traer grupos galegos, do resto do Estado, de Portugal, pola profunda admiración que sentimos pola súa cultura, e tamén de América”, remata.

Novoa aterra no Barbeira Season Fest, logo do seu paso como director musical do programa de Buenafuente, o ano no que o festival medra. Medra en días, en contidos, en programación, en actividades e tamén en espazos. O festival contará con varios emprazamentos diferentes, dentro da propia vila, dirixidos a distintos tipos de público e para facer partícipe do mesmo a toda Baiona. Ademais, envorcarase especialmente na interacción coa hostalería de Baiona, “unha vila á que lle temos moito que agradecer e á que estamos obrigados a corresponder coa mesma xenerosidade coa que nos acolle”, comentan dende a organización. Tamén continuará apostando por fomentar o coñecemento do Camiño Xacobeo ao seu paso por Baiona, igual que nas pasadas edicións.

Cartel e entradas á venda

Polo de agora, dende a organización informan que, aínda que xa teñen pechados varios grupos, non queren desvelar o cartel. Aínda así, dan a posibilidade de adquirir entradas cegas para asistir ao festival na súa web e prometen novidades en breve.

Todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán mercar as entradas ao Barbeira Season Fest cun 15% de desconto.