O Igafa acolle ao lobo mariño cincento “Cadrado” tras a súa recuperación na Cemma de Nigrán

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar, acolle desde esta semana ao lobo mariño cincento Cadrado para a súa recuperación. Esta acción forma parte da colaboración que vén mantendo desde o ano 2003 a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) para a recuperación deste tipo de animais que chegan ás costas galegas en mal estado de saúde ou feridos.

Este exemplar macho de lobo mariño foi rescatado o pasado 13 de xaneiro na zona de Estaca de Bares pola tripulación do barco Cadrado, con base en San Cibrao, logo de quedar atrapado accidentalmente no aparello do buque. Tras liberalo e ver que presentaba diversas feridas, foi recollido por unha unidade móbil da Cemma para a súa rehabilitación.

O equipo veterinario do centro que a organización ten en Nigrán certificou que se trataba dun exemplar de 24 quilos de peso e un metro de lonxitude que presentaba lixeiras laceracións superficiais e un corte grande e profundo na articulación da extremidade posterior esquerda. A súa evolución foi favorable, polo que superou a primeira fase da recuperación e foi trasladado ao Igafa como paso previo á súa liberación no medio natural.

Deste xeito, Cadrado permanecerá varias semanas nunha piscina exterior de auga corrente salgada do centro situado na Illa de Arousa e, posteriormente, será embarcado para a súa solta en alta mar. A manutención e a atención sanitaria do mamífero corresponderalle á Cemma, que contará coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do instituto dependente da Consellería do Mar. De feito, este tipo de estadías de exemplares de lobo mariño adoitan aproveitarse para formar aos estudantes en aspectos relacionados co coidado dos mamíferos mariños.

Cabe lembrar que o Igafa tamén acolle desde o pasado 20 de xaneiro a Leis, outro exemplar de lobo mariño cincento atopado en Muxía o pasado mes de novembro cun cadro de anemia e múltiples feridas e laceracións atribuídas a un ataque dun animal carnívoro terrestre, probablemente un can. Trala súa evolución favorable no Cemma, atópase agora nas instalacións dependentes da Consellería do Mar á espera de completar favorablemente a súa recuperación.

Coa chegada de Cadrado, xa son 12 os exemplares de lobos mariños que foron trasladados ao Instituto Galego de Formación en Acuicultura desde o 2013 para completar a súa recuperación. Estas colaboracións serven como actividade didáctica para a concienciación medioambiental e de adquisición de coñecementos para o mantemento e recuperación de especies mariñas.