O “Refugio del Pescador” di adeus tras 40 anos en Panxón

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // “Milo” e “Tavo”, empregado e propietario, respectivamente, ás portas do emblemático establecemento de Nigrán.

O porto de Panxón perdeu o pasado domingo 30 de xaneiro un dos establecementos máis emblemáticos da zona. O “Refugio del Pescador” despídese dos seus clientes tras case catro décadas de portas abertas, de comidas, ceas, veráns, invernos, chiquitas e primaveras con veladas onde o tapete e as barallas mandaban. Este negocio era dos da vella escola, con moita soleira e innumerables historias ás súas costas. Funcionou como punto de encontro duns veciños que por hache ou por be estaban directa ou indirectamente relacionados co mundo do mar. Alí mesturábanse mariñeiros, visitantes ou propietarios de segundas residencias que tiñan en Nigrán o seu refuxio de verán para gozar da comida máis tradicional regada cunhas boas cuncas de viño ao amparo do porto nigranés.

Ao seu propietario, Gustavo Vidal Costas, “Tavo”, chegoulle a hora de xubilarse, asegura que este é o seu momento e que se vai para dedicarse máis tempo a el mesmo. Faio cando pasou o peor da pandemia. “As restricións apertaron, pero tamén queimaron moito”, manifesta. E é que estes dous últimos anos non foron especialmente bos, as idas e vindas das limitacións ou os seus constantes cambios tamén condicionaron a actitude dalgúns dos seus clientes. Todo iso foi cansando e tras 40 anos na profesión as súas ganas non son as mesmas. En 1984 comezou a súa andaina coa apertura dun pequeno establecemento moi próximo ao Náutico de Panxón nun local anexo á carpintería do seu pai Ricardo. Por aquel entón o seu negocio non chegaba aos 100 metros cadrados e conformábase cunha pequena sala composta por unha cociña, barra, un puñado de mesas e terraza.

Aínda lembra coma se fose onte as cantidades inxentes de sardiñas asadas despachadas xunto a “Milo”, empregado e outro gran incombustible do establecemento, como especialidade da casa ata que seis anos despois, en agosto de 1989, o Pescador pechou as súas portas temporalmente para reabrir a principios dos noventa con dous novos comedores grazas ao espazo gañado ao negocio familiar. Coa xubilación do seu pai, o establecemento triplicou a súa superficie pasando a medir 300 metros cadrados, durante a tempada alta o persoal de traballadores multiplicábase do mesmo xeito que as comandas chegando a superar con moita folgura as 100 comidas. Agora o Pescador permanecerá pechado ao público un mínimo de oito meses mentres agarda que outro colla as súas rendas. Desde agora as bromas de “Tavo” e “Milo” pasarán á forza a formar parte dos recordos da súa antiga clientela, do mesmo xeito que o seu bacallau ao forno ou as súas sardiñas asadas.