Deputados provinciais do PP visitan Gondomar para interesarse polas demandas dos veciños

Este pasado martes os deputados provinciais do Partido Popular Jorge Cubela, Alfonso Marnotes e Ángel Rodal visitaron o concello de Gondomar para interesarse polo estado das estradas provinciais e as obras do Plan Concellos financiadas pola Deputación Provincial. Nesta visita puideron comprobar tamén a parte das obras do Parque Canino que non foron executadas pero si pagadas e que motivaron a presentación dun escrito por parte da voceira do PP gondomareño, solicitando unha investigación desta obra por parte do alcalde, “quen fai caso omiso do tema”.

Ademais os deputados provinciais, acompañados por concelleiros do PP local, fixeron unha visita polas estradas provinciais para interesarse polo seu estado. Na Estrada Provincial EP-2302 Gondomar-Chaín-Morgadáns, entre os quilómetros 1+800 e 1+900, recibiron as explicacións duns veciños de Chaín que protestan por un punto perigoso tanto para os vehículos como para os peóns, debido a un desnivel da beirarrúa e a existencia dunha canle de auga sen protección, que xa ten provocado algún que outro accidente e a caída de varios viandantes. Neste senso Paula Bouzós, voceira do PP de Gondomar, manifestou que no mes de outubro solicitaron do Concello a mellora do camiño público afectado e que ínstase á Deputación a facer as obras necesarias para garantir a seguridade dos usuarios da vía, sen que ata hoxe recibise noticias ao respecto.

Puideron comprobar tamén o estado inacabado das beirarrúas nun tramo de 600 metros que foron comprometidos na anterior lexislatura polo Alcalde de Gondomar e pola Presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, e que é tan demandada polos veciños de Chaín e Morgadáns. Confirmaron ademais, que está en proceso de adxudicación a obra de “Mellora da Seguridade Viaria” na estrada provincial EP-2403 que une a parroquia de Morgadáns con Chenlo, que unha vez executada vén a mellorar a seguridade nesta estrada provincial que é usada diariamente polos veciños de Prado e Vilas.

Jorge Cubela, voceiro do Partido Popular na Deputación Provincial de Pontevedra, comprometeuse a instar á Deputación Provincial a que realice as melloras solicitadas polos veciños de Chaín e ao remate dos 600 metros pendentes das beirarrúas, e que Carmela Silva e Paco Ferreira cumpran a súa palabra dada hai dous anos de que se ían executar en breve. Os deputados provinciais manifestaron ademais a súa preocupación pola mala execución das obras do Parque Canino, con partidas pagadas e non executadas e afirmaron que consultaran no organismo provincial o estado no que se atopa ese expediente do Plan Concellos.

“Estamos encantados de visitar o concello de Gondomar, coñecer de primeira man os problemas que nos manifestan os veciños e poder trasladalos á Deputación Provincial. En breve visitaremos outras zonas con demandas de veciños e dos nosos compañeiros do partido no concello”, manifestou Jorge Cubela.