Sin categoría

Os J80 galegos buscan inaugurar o marcador da Liga de Inverno

Tras a suspensión da xornada inaugural o pasado 22 de xaneiro por falta de vento, a frota de J80 rexistrada para participar na Liga de Inverno Baitra J80 do Monte Real Club de Yates buscará estrearse este sábado en Baiona.

As previsións meteorolóxicas anuncian vento de compoñente norte con entre 5 e 7 nós de media e picos de ata 10; e, se non sofren grandes cambios de fronte ao comezo das probas, permitirían aos 17 veleiros en liza inaugurar a clasificación.

Se todo vai segundo o previsto, ás tres da tarde darase inicio a unha xornada regateira que ten tres probas programadas: tres percorridos entre boias, do tipo barlovento sotavento, con dobre volta.

Ademais de disputarse as mangas, as tripulacións participarán en briefings informativos dirixidos polo adestrador olímpico Carlos Llamas, que se ocupa da preparación da frota de monotipos galega de fronte ao Campionato de España e o Mundial da clase que se celebrarán en Baiona o próximo mes de setembro e en 2023.

Nesta nova edición da Liga de Inverno Baitra J80 participan o Okofen de Javier de la Gándara, gañador da liguiña invernal en 2021; o Marías de Manel Marías, que se impuxo na Liga de Outono; o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, que liderará nesta xornada o que fose Campión de España da clase Javier Aguado; o Cansino de Alejandra Suárez, o Maija de Castor Alonso ou o Spaco de Santiago Estévez, todos do Monte Real; La Galera do Real Club Náutico da Coruña, o Due do Real Club Náutico de Portosín, ou o ¡Ay Carmela! de Juan Martínez Pazo, de Bouzas, entre outros.