Nigrán inviste 18.000 € na instalación de dúas novas cubertas no CEIP Carlos Casares

O Concello de Nigrán vén de investir 17.714 € na construción e montaxe de dúas cubertas no CEIP Carlos Casares de Vilariño cumprindo así cunha petición de toda a comunidade educativa. Ambas estruturas están fabricadas en policarbonato translúcido e perfís metálicos e contan cunhas dimensións de 8×8 metros que teitan por completo cadanseu patio aberto en fachada, de xeito que agora forman un gran soportal para que os nenos poidan xogar fóra nos días de choiva.

“Grazas a estas cubertas o alumnado gaña dous novos lugares de esparexemento exterior para cando chove, algo que xa de por si é beneficioso pero que coa realidade Covid-19 cobra especial importancia”, destaca o alcalde, Juan González.

Neste mesmo curso escolar o Concello de Nigrán, coa colaboración da ANPA, investiu 5.000 € na dotación dun aseo adaptado para crianzas unha das aulas de Infantil do centro educativo. Isto supuxo a transformación dun pequeno almacén nun WC anexo á propia clase, o que facilita enormemente a labor docente, máximo no primeiro ano, cando moitos nenos aínda están aprendendo a controlar os seus esfínteres.

Igualmente, sigue adiante o proxecto de crear un bosque-escola tanto no CEIP Carlos Casares como no CEIP A Cruz de Camos, centros que están precisamente rodeados de monte que se gañaría para o patio.