O Chuvi acadou máis dun cento de doazóns de órganos e tecidos a pesar da pandemia

A pesar da pandemia da Covid19, o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo acadou manter uns altos niveis da actividade relacionada coas doazóns e transplantes. Así, o pasado ano rexistrou un total de 17 doadores de órganos cadáver, dos que extraéronse 114 órganos e tecidos. En concreto, 65 órganos (5 corazóns, 15 fígados, 1 páncreas, 14 pulmóns e 30 riles) e 49 tecidos (córneas, ósos e segmentos vasculares).

Segundo afirma o Coordinador de transplantes do CHUVI, Lucas Lage “estamos moi satisfeitos xa que conseguimos manter a actividade nun contexto complicado, e aínda que rexistramos 3 doadores menos que o ano anterior, resultaron ser doadores moi efectivos. Isto sería imposible sen o compromiso de doantes e familiares co proceso de doazón”.

Perfil do doante

No que atinxe ás causas de morte dos doantes, os motivos principais foron os accidentes cerebro vasculares (70%), seguidos de lesión cerebral por parada cardíaca (18%) e dos traumatismos craneoencefálicos por accidentes non de tráfico (6%) e de tráfico (tamén un 6%). Con respecto á idade media do doante, esta foi de 51 anos (nun rango de 3 a 77 anos).

Outro dato a sinalar é que dos 65 órganos doados, un 32% saíron fóra da nosa comunidade o que “dá unha idea do modelo de cohesión do sistema público de saúde, que dá unha oportunidade a quen o necesite con independencia do lugar onde se xeren os órganos”, explica o doutor Lage.

Gran incremento da actividade transplantadora

No referido á actividade transplantadora, cabe subliñar un incremento do 41% con respecto ao ano anterior, no que realizáronse 73 transplantes de tecidos fronte aos 103 do último exercicio. Así, no Chuvi foron implantadas 46 córneas e 5 membranas amnióticas. Ademais, realizáronse 52 Transplantes de proxenitores hematopoiéticos (medula ósea).

O 27% das tarxetas de doadores de Galicia son de Vigo

En relación coa porcentaxe de negativas familiares, experimentouse unha diminución dun 33% con respecto ao ano anterior, o que confirma a tendencia descendente das mesmas. A día de hoxe, a Área Sanitaria de Vigo ten rexistradas 32.792 tarxetas de doadores de órganos, dato que a confirma como a área galega con maior número de doadores, un 27,4% do total de Galicia.